O Concello destinará a esta actuación preto de 53.000 €, mentres que a Xunta achegará 123.000 €. Martínez Sanjurjo culpa a UXO desta situación pola “falta do recoñecemento de crédito nas contas municipais e polo saldo negativo rexistrado”
O pleno extraordinario que tivo lugar no Concello de Ordes na mañá de onte finalizou coa aprobación da modificación de crédito para acometer a última fase das obras de reforma da praza de abastos. Así, por parte do Concello achegaranse 53.000 € derivados dos remanentes das achegas á gardería municipal (22.700 €) e ás partidas á Seguridade Social do corpo funcionarial, (20.000 €), ademais doutros 10.000 € procedentes doutros apartados.
En total hai que falar de 175.000 € para a adecuación e modernización do mercado, dos cales 122.000 corresponden á subvención achegada pola Xunta de Galicia a través dos fondos FEDER europeos. Tal e como informou o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, a dita modificación conta co informe favorable do departamento de Intervención, “e non suporá ningún prexuízo para a gardería xa que non se terá que renunciar a ningún servizo nin obra prevista”.
O rexedor cualificou a medida de necesaria por ser “o único sitio de onde podemos sacar cartos”. Situou a orixe desta situación no xeito de proceder por parte do equipo de goberno anterior (UXO). Segundo manifestou o rexedor este “non procedeu co recoñecemento de crédito correspondente no momento no que se solicitou esta subvención”, polo que os 53.000 € imprescindibles para poder facer as obras non aparecen reflectidos nas contas municipais. Sanjurjo volveu ser moi crítico co gasto desmesurado e partidista realizado “en base aos cartos do orzamento do ano 2015, simplemente porque estaban as eleccións ás portas”, denunciou abertamente. “Estamos aquí facendo esta modificación de crédito pola súa culpa”, expúxolle a Silvia Marín, voceira de UXO, “porque con data 3 de xullo (momento no que o PP asumiu a alcaldía de Ordes) o grupo de gasto 1-2 presentaba un saldo deficitario de -195.000 €”.
Tanto Verónica Gómez como Ramiro Recouso, voceiros do PSOE e do BNG respectivamente, cualificaron esta obra de “importante para a actividade económica do municipio”. Neste punto os nacionalistas foron moi críticos coas intervencións realizadas ata o momento en ambas as plantas do inmoble situado na rúa Mercado. Tamén se emitiron críticas en base á súa dotación, organización do espazo e ás facilidades de acceso para persoas con discapacidade. A abstención nas votacións de ambas as forzas permitiu sacar adiante a modificación de crédito, que si contou cos votos favorables tanto de UXO como do PP.