Perlío prepárase para encadear esta fin de semana tres intensos días de festa, os primeiros Santos pospandemia -ou nova normalidade- que vivirá a parroquia. Tres días que requirirán un plan de tráfico específico no epicentro da troula e nos seus arredores e que, ademais, levarán ao Concello a reforzar a seguridade na zona, principalmente na noite deste venres con motivo da actuación do Combo Dominicano. A orquestra canaria ten en Perlío a única data contratada para este verán en toda a comarca, razón pola que se agarda unha afluencia de público masiva. Para que todo transcorra sen incidencias, a Concellaría de Seguridade de Fene ten previsto un dispositivo con preto de medio cento de persoas implicadas, entre corpos de seguridade, protección civil e servizos médicos.
As restricións á circulación e o aparcamento só se aplicarán este venres 3 e máis o sábado 4 de xuño desde as 20:00h até a mañá do día seguinte, cando rematen as tarefas de limpeza viaria.
Neses intervalos cortarase a circulación á altura do Eroski Center, na confluencia de San Salvador coa Rúa Alta e Maroño, no cruzamento de Cardoeiro e Río Cádavo e tamén na esquina das casas de Astano, onde se xuntan San Salvador Río Cádavo e San Estevo.
No espazo que quedará entre eses puntos -pistas polideportivas, zona do lavadoiro, lateral do Eroski, aparcadoiro do CCRD Perlío (onde se instalarán atraccións) e parte da avenida Tarrío- tampouco se poderá estacionar no serán e madrugada do venres e o sábado.
Desde o Concello recoméndaselles ás persoas residentes que, se poden, deixen os vehículos no garaxe durante a fin de semana ou que opten por zonas de aparcamento alternativas, como por exemplo a zona do centro de Saúde ou as novas superficies á beira das rúa Cañotas e da rúa da Fraga.
No caso de persoas que veñan á festa aconséllase facelo compartindo transporte e con tempo de adianto suficiente, co obxectivo de reducir ao mínimo o número de vehículos na zona, especialmente na tarde deste venres. Ademais dos sinalados anteriormente tamén se recomendan como estacionamentos alternativos o do paseo marítimo de San Valentín, o da piscina municipal de Centieiras ou ambas marxes da Avenida das Pías, evitando no posible Marqués de Figueroa para non xerar atascos.
Seguridade e limpeza reforzadas
Alén das cuestións relativas á regulación do tráfico, o Concello de Fene porá en marcha un grande dispositivo de seguridade en colaboración coa Subdelegación do Goberno. Na convocatoria deste venres participarán unha trintena de efectivos entre Policía Local, Garda Civil do posto de Fene e membros da Unidade de Seguridade Cidadá da Garda Civil. O Concello tamén contará co apoio da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, que coordinará a circulación nas vías principais de acceso a Fene.
Para o caso de que se produza algunha incidencia, a carón do Centro de Saúde instalarase un hospital de campaña con persoal médico e sanitario. Os medios de prevención e asistencia inmediata disporán tamén dunha ambulancia medicalizada, como parte dun equipo de 15 persoas das agrupacións de Protección Civil de Ferrol e Fene.
A titular de Seguridade, Sandra Permuy, agradeceu por adiantado “a implicación de todas as persoas que van participar no dispositivo”, así como “a colaboración de todas as veciñas e veciños”. A concelleira tamén quixo recoñecer o traballo da comisión organizadora dos Santos 2022 “que fai un esforzo extraordinario para que as festas volvan a Perlío”.
Permuy recordou, por último, que o departamento de Servizos tamén ten previsto un dispositivo de limpeza especial para a madrugada do venres ao sábado coa finalidade de que todo estea en orde de revista a primeira hora da mañá.