Debido á previsión de chuvias para este sábado, a Romaría das Merendiñas vaise trasladar ao Pavillón Arsenio Iglesias de Santa Cruz, a escasos metros dos xardíns das Torres. Manterase toda programación e os horarios anunciados, estando invitadas a participar todas as persoas maiores de 60 anos, que para acceder ao recinto deberán presentar a invitación que recibiron nos seus domicilios.
A romaría comezará ás 13:00 horas coa actuación da Banda da Escola Municipal de Música. Despois será o xantar, composto por empanada, roxóns, chourizo ao estilo Santaia, larpeira e queixo con marmelo. Ao rematar haberá baile coa orquestra Catro en liña e Eric Hidalgo e co solista Carlos Manteiga.
Para facilitar o acceso de todas as persoas participantes haberá tres autobuses que percorrerán todas as localidades de Oleiros. O percorrido dos autobuses comeza en todos os casos ás 12:30 h. As rutas serán as seguintes:
1.Serantes, Maianca, Dexo, Lorbé, Dorneda: Mera (Nai Pai), A Pista, O Cubo. Aba, A Torre, Igrexa Dexo, A Escola, Broño, A Igrexa, O Regacho, Cabreira, Breixo, Arillo.
2. Perillo, Montrove: Centro Cultural, Solana, Lucín, Beiramar, Che Guevara (adegas de viño), Parador.
3. Oleiros, Iñas, Nós: As Torres (parada de bus), A Cova, Campamento (parada de bus Betanzos), Arenaza (cruzamento entrada urbanización), O Piñeiro, Os Vilares, a Chasqueira, Vilanova, Casa do Pobo de Nós, O Seixal, Alsina, Mesón da Auga, Cristo Rei, Oleiros (Policía Local).
Un elemento fundamental desta festa é a implicación e participación de numerosas persoas que colaboran desinteresadamente na organización e desenvolvemento desta romaría, unha axuda imprescindible para que As Merendiñas poidan realizarse.