Realizaranse un total de 14 intervencións de acondicionamento de viais municipais con investimento procedente de fondos propios
O Concello de Neda habilitará unha partida de 316.526,94 euros para, con fondos propios, acometer unha serie de obras de mellora de camiños en pistas municipais. Esta semana, a corporación aprobaba en pleno, co apoio do grupo de goberno (PSOE) e PP e a abstención de BNG e Moveneda, a modificación de crédito para dotar de fondos estas actuacións.
Agora, o expediente someterase a información pública e, no caso de non recibir alegacións, quedará definitivamente aprobado. A partir de aí, o Concello estará en disposición de sacar a contratación as intervencións, 14 en total.
Os proxectos están redactados, e en 8 das 14 zonas de actuación, solicitados os informes sectoriais pertinentes ás diferentes administracións e organismos, tal que Demarcación de Costas, Adif ou Augas de Galicia, entre outros.
Así, polo miúdo, as obras de acondicionamento levaranse a cabo en:
-Porta da Pena (Viladonelle)
-Regueiro
-Os Foxos
-Toeleira
-Os Tortos
-Coto-Principiño
-Vilar-Sandes
-Vila de Anca
-Carballa
-As Barreiras
-Riocobo
-Médico Cebreiro
-Camiño Ribeira de Santa María
-Vial de acceso ao polideportivo de Anca