O congreso realízase hoxe e mañá na cidade e conta coa participación de importantes directivos de grandes empresas como Amazon, IBM, Facebook ou JP Morgan, e dous expresidentes europeos
Este venres pola tarde o evento estará aberto a toda a cidadanía
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou este xoves na inauguración do congreso de innovación tecnolóxica Ecosystems 2030 A Coruña Summit 2022. Neste encontro participarán entre hoxe e mañá máis dun centenar de altos cargos de empresas multinacionais e relevantes representantes públicos de distintos países. A rexedora estivo acompañada durante o acto de apertura por Omar Hatamleh, presidente executivo de Ecosystems 2030 e exdirectivo da NASA, e Nikki Eberhardt, presentadora do evento.
Inés Rey incidiu na importancia de sentar as bases da transformación da cidade nun gran polo de atracción de proxectos dixitais e sostibles, creando un ecosistema de investimentos acorde coas grandes empresas do sector. “Quero presentarvos e invitarvos á próxima gran transformación da Coruña. Un espazo de innovación e investigación ante os novos retos sociais, medioambientais e dixitais. Un ecosistema empresarial que entende as propostas de innovación e o necesarias que son para atraer novos investimentos. Un ecosistema urbano aberto para integrar as novas tecnoloxías para axudar a resolver os retos de cidade nun mundo global”, apuntou a rexedora, que fixo fincapé na importancia da axenda A Coruña 2030 neste proceso.
O obxectivo do Concello é converter A Coruña nun espazo de innovación capaz de facer fronte aos novos retos dixitais e ás novas posibilidades de negocio. Para iso, estúdanse as novas tecnoloxías, como o metaverso, e invístese en proxectos de gran relevancia como a Cidade das TIC, que aspira a ser a referencia da intelixencia artificial a nivel nacional e un gran polo de xeración de empregos. “Somos conscientes de que non podemos levar a cabo esta transformación nós solos, que temos que ser parte dun grande ecosistema de transformación”, apuntou Inés Rey. Pola súa banda, Omar Hatamleh quixo agradecer o compromiso do Concello con este congreso. “Trouxemos un evento transformador para a cidade cun enfoque tecnolóxico global. Falaremos de varias cuestións de gran relevancia para as persoas. Iso caracteriza o noso ‘ecosistema’, que todos os temas teñen cabida”, sinalou.
Programa e xornada de portas abertas
Durante estes dous días numerosas persoas con cargos de responsabilidade en empresas punteiras a nivel mundial amosarán as súas ideas e coñecementos sobre diferentes sectores tecnolóxicos. Algúns dos nomes máis destacados son Inderpal Bhandari, directivo de IBM; Miuel Alava, director xerente de Amazon Web Services; Andy Palmer, exdirector executivo de Aston Martin; Juan Vicén Balaguer, cofundador de Zeleros Hyperloop; Ignacio Tovar, director de innovación de Iberia; Adipat Virdi, experto en experiencias inmersivas e realidade virtual e exresponsable de RV de Facebook; Pinar Emirdag, directora de servizos dixitais de JP Morgan; JoAnn Stonier, directiva de Mastercard; Michael Lawrick, xefe de innovación de Deloitte; ou Ignacio Rivera, presidente executivo de Hijos de Rivera. Tamén destaca a presenza de dous exprimeiros ministros europeos: Zlatko Lagumdzija (Bosnia e Hercegovina)
e Esko Aho (Finlandia).
Durante estas dúas xornadas analizarase o futuro de diferentes sectores, como son a intelixencia artificial, o transporte, as finanzas, o entretemento ou os desafíos xeopolíticos.
Terá un espazo destacado no día de hoxe a inmersión e o concepto do metaverso, que será analizado por Adipat Virdi. Discutirase a súa aplicación na sociedade actual a través da industria, a educación ou a Administración.
O sábado, de 16.00 a 19.00 horas, a entrada a Ecosystems 2030 será libre para toda a cidadanía. Os coruñeses e as coruñesas terán a ocasión de afondar nos grandes retos tecnolóxicos da súa cidade e da sociedade en xeral para os próximos dez anos, e coñecer da man de directivos/as de Google, como Pilar Manchón, e outras grandes empresas a visión empresarial sobre esa transformación.