Trátase dun dos eventos máis populares de Alemaña no que está previsto que se rexistre unha afluencia en torno aos 3 millóns de visitantes
Turismo de Galicia participa esta fin de semana na Festa da Ribeira dos Museos ou Museumssurferfest de Frankfurt, o festival cultural ao aire libre máis grande de Europa e un dos eventos máis populares de Alemaña no que está previsto que se rexistre unha afluencia en torno aos 3 millóns de visitantes.
O evento, cuxo obxectivo é combinar arte, cultura, música e gastronomía ten lugar nun espazo dominado polo río e os museos da cidade, nunha época do ano na que Frankfurt ofrece a súa mellor cara. Ademais dos stands e carpas expostos ao longo do paseo e dos espectáculos que se celebran ao longo das tres xornadas, os visitantes teñen a oportunidade de acceder aos museos da cidade por medio dun pase válido de tres días a prezo moi reducido.
A participación de Turismo de Galicia desenvolverase da man de Turespaña a cal coordina a participación de España no evento a través da OET de Frankfurt.
O recinto denominado Spanien am main im Museusurferfest contará con distintas carpas e un escenario. Galicia estará presente no mesmo cun stand propio de información turística e mais coa actuación de Cristina Pato que será a encargada de tocar na inauguración oficial do evento e fará un total de sete actuacións durante os tres días que dura o festival.
Así Turismo de Galicia presentará a oferta turística da nosa comunidade ao mercado alemán neste evento dirixido ao público final.
Segundo mercado internacional
O mercado alemán está a experimentar un forte crecemento en Galicia. Nos primeiros sete meses deste ano, o dito mercado rexistrou un incremento do 24% tanto na súa cifra de viaxeiros aloxados coma nas súas pernoitas.
Con máis de 77.000 viaxeiros e preto de 110.000 noites, o mercado alemán representou no que vai deste ano 2015 o 11,3% do total de turistas internacionais que chegaron a Galicia.
Deste xeito, supuxo neste período o segundo mercado en orde de importancia só por detrás de Portugal.
Así mesmo, no ámbito do Camiño de Santiago, e segundo as cifras da Oficina do Peregrino, neste ano e ata o mes de xullo recolleron a Compostela un total de 10.324 peregrinos alemáns, cifra que supera nun 12,7% o dato do mesmo período do pasado ano.