Thursday 19 de December de 2024

Comeza a exposición pública do plan especial das Casas dos Mestres, que fará posible a construción dun edificio social


O documento está a disposición da cidadanía na Oficina Técnica Municipal e nesta páxina web

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou con data 1 de Xuño de 2022 o anuncio de información pública do plan especial de reforma interior número 2, PERI-2 Casas dos Mestres, que estará exposto durante dous meses para que as persoas afectadas presenten as alegacións ou observacións que estimen oportunas. O documento pode consultarse na Oficina Técnica Municipal, de 10.00 a 13.00 horas, e tamén aquí. Tamén se enviará notificación individual ao único titular afectado, UFD Distribución Electricidad S.A., xa que será preciso cambiar a situación do centro de transformación existente, e ademais tramitaranse as autorizacións sectoriais pertinentes ante as administracións estatal e autonómica.

O plan especial, que é un documento imprescindible para poder acometer a construción dun edificio para as entidades sociais, está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de reordenar a estrutura urbanística e os volumes edificatorios dese ámbito, cambiando o uso residencial que tivo no seu momento por un novo uso dotacional de equipamento múltiple. De feito, o obxectivo é a construción dun novo edificio que poida dar cabida ás entidades sociais que desenvolven a súa actividade no noso concello, facilitando e impulsando a atención ás necesidades da cidadanía.

A parcela ten unha superficie de 2.575 metros cadrados. Segundo a proposta inicial, o edificio social ocupará 1.164 metros cadrados. Tamén se reservan 1.012 metros para unha praza, 390 para a regularización do viario e 9 metros cadrados para situar o centro de transformación. Ademais, prevese a posibilidade de crear un aparcamento aproveitando o desnivel do terreo.