En caso de renuncia dos titulares das prazas, ofrecerase a posibilidade de viaxar ás persoas que están nas listaxes de reserva.
Este mediodía realizouse o sorteo público para adxudicar as prazas dispoñibles para participar nos programas xuvenís de intercambio nas cidades de Venecia (Italia) e Berlín (Alemaña) entre todos os mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos que formalizaran a súa preinscrición.
Para as dez prazas dispoñibles na viaxe a Venecia houbo un total de trinta anotados, e dezanove para as sete prazas coas que se conta para acudir a Berlín. O Concello está a contactar cos que resultaron titulares das mesmas. En caso de producirse renuncias, ofrecerase a posibilidade de participar aos que quedaron nas listaxes de reserva.
Esta iniciativa é froito das relacións establecidas entre A Laracha e outros municipios e entidades de diversos países do continente no marco dos programas de irmandamento desenvolvidos a través de Europe for Citizens co financiamento da Unión Europea.
O programa en Berlín desenvolverase do 27 de xuño ao 6 de xullo baixo a organización do Distrito de Renickendorf. Entre as actividades a realizar inclúense visitas ás cidades de Dresdren e Postdam, a museos e ao teatro Friedrich Stadt Palast.
No caso de Venecia a organización será a cargo do Polo Tecnico Professionale de dita localidade italiana e terá lugar do 2 ao 9 de xullo. Ademais de coñecer a cidade e outras localidades do seu entorno, visitaranse os puntos de interese máis importante e realizaranse actividades culturais.
En ambos casos os participantes, que viaxarán acompañados por monitores, soamente deberán abonar 100 euros como cota de inscrición, facéndose cargo a organización dos gastos do aloxamento, manutención, desprazamentos no destino, entradas aos museos e todas as actividades que se leven a cabo. Como documentación persoal requiriráselles presentar no Concello, á maior brevidade, a tarxeta sanitaria europea, DNI e pasaporte.
Con esta iniciativa o Concello pretende aportar o seu gran de area na construción da cidadanía europea, animando á mocidade a aproveitar esta excelente oportunidade de coñecer outros países, idiomas e culturas, potenciando a mobilidade xuvenil, tendendo pontes para a cooperación transfonteiriza con outros países e proxectando cara o exterior o noso municipio.