A Fundación María José Jove e a Asociación Participa colaboran co Goberno municipal no programa Norte, que conta con 65 prazas cada ano para a mocidade de entre 18 e 30 anos en situación de risco emocional
A alcaldesa, Inés Rey: “Todas e todos xuntos, indo da man, podemos afrontar os problemas máis urxentes da sociedade na que vivimos. E atender a saúde mental é urxente”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira; a presidenta da Fundación María José Jove; e María M. Lemos, presidenta da Asociación Participa, presentaron esta mañá no centro xuvenil do Remanso o programa Norte, un proxecto pioneiro de apoio para mozos e mozas en situación persoal ou social de risco emocional.
O programa, nacido da alianza do Goberno municipal, a través da Fundación Emalcsa, coa Fundación María José Jove e a Asociación Participa, xorde da necesidade de ofrecer respostas ante o incremento de condutas autolesivas entre a xuventude, un problema detectado desde as institucións educativas, os servizos sociais municipais e os profesionais da saúde mental. Neste sentido, a idade de inicio rebaixouse aos dez anos.
O obxectivo de Norte, como explicou a responsable de Participa, María M. Lemos, é implantar hábitos saudables de autocoidado e unha eficaz xestión emocional entre a mocidade de 18 a 30 anos. Trátase de reducir factores de risco como o illamento social, os pensamentos destrutivos e a falla de autocontrol, incrementando os factores de protección (apoio social percibido, seguridade, autocoidado, tolerancia á frustración e capacidade de resolución de problemas). A intervención realízase cando os problemas emocionais están na súa fase inicial e as rapazas e os rapaces están, aínda, nun nivel de risco leve, co fin de evitar que a situación se agrave.
Norte conta con 65 prazas anuais, distribuídas en catro grupos. Actualmente, concluíron as sesións dun primeiro grupo de 18 mozas e mozos, que pasarán á modalidade de seguimento, e o día 10 de maio comezouse a traballar cun segundo grupo. A duración estimada do programa para cada participante é de seis meses: tres, acudindo ás sesións; e outros tres, de seguimento, coa posibilidade de continuación cando sexa preciso.
Neste sentido, a alcaldesa, Inés Rey, subliñou que “debemos traballar xuntas e xuntos, desde as diversas administracións públicas, cunha estratexia a medio e longo prazo, porque a xestión das emocións persoais xa era unha cuestión delicada moito antes da crise sanitaria pola COVID-19”. A rexedora puxo en valor que “Norte nace da colaboración público-privada, amosando que todos xuntos, indo da man, podemos afrontar os problemas máis urxentes da sociedade na que vivimos. E atender a saúde mental é urxente”.
Por outra banda, a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, destacou a importancia de Norte como “ferramenta de intervención eficaz ante un problema que cada vez se manifesta en idades máis temperás”. “Os servizos sanitarios soamente abordan este tipo de situacións cando as persoas se atopan en risco moderado ou grave, co que este tipo de proxectos cobre un espazo importante para o coidado da saúde mental das nosas mozas e mozos”, explicou Neira.
Felipa Jove destacou, ademais, que “desde a Fundación María José Jove levamos anos facendo fincapé en que o noso sistema está moi centrado en formar cidadáns e cidadás competentes, pero esquecendo moitas veces a parte máis emocional da educación. E é aquí cando as e os menores perden. E cando perden eles e elas, perde toda a sociedade.
De aí a importancia de programas coma Norte”.
Para María Lemos “a valoración individual destes primeiros meses é moi satisfactoria; os ítems máis valorados son a atención individualizada e a aplicabilidade directa das aprendizaxes sobre xestión emocional. A valoración das e dos profesionais de saúde mental que os tratan tamén valora un avance positivo, evidenciando que dispoñen de máis ferramentas de protección fronte aos desaxustes persoais e un maior coñecemento sobre como reducir os riscos asociados ao dano persoal”.
O programa Norte
Norte comezou o pasado mes de xaneiro, con persoas derivadas desde os servizos sociais municipais e profesionais de saúde mental como complemento ás intervencións en curso ou xa finalizadas. Trátase dun programa socio-comunitario, non clínico, que implica unha estreita coordinación, xa que cada participante é derivado por un facultativo ou profesional e, desde ese mesmo momento, establécese unha canle de comunicación para coordinar as diferentes intervención que se desenvolvan. Esta coordinación permite unha mellor e máis completa atención ás necesidades específicas de cada caso.
O programa atende as distintas necesidades de cada participante en canto ás dimensións da súa saúde, desde os puntos de vista persoais, físicos, sociais e emocionais. Por iso, o impacto da intervención mellora tamén a súa vida familiar e social.
As intervencións estrutúranse en dous niveis:
● Durante os tres primeiros meses: combinación de sesións semanais grupais de adestramento emocional con sesións semanais individuais sobre saúde social, hábitos saudables, actividade física saudable, ocio e cultura.
● Durante os tres meses seguintes: en formato de apoio titorial, as sesións son individuais e de seguimento co persoal educador do programa.