Saturday 16 de November de 2024

O Concello da Coruña comeza os traballos para restaurar o conxunto escultórico ‘Ártabros’


As tres figuras, sitas no Parque Escultórico da Torre de Hércules, xa recibiron unha limpeza superficial para lles eliminar as manchas de óxido

Nos vindeiros días comezarase coa restauración da Gran Guitarra de Pablo Serrano, unha homenaxe á obra cubista de Pablo Picasso

O Concello da Coruña comezou os traballos para restaurar o conxunto escultórico ‘Ártabros’, situado no parque escultórico da Torre de Hércules. A escultura, obra do autor Arturo Andrade (Allariz, 1956), recolle a imaxe do pobo ártabro coas figuras dunha muller, un mariñeiro e un guerreiro.

Estas representacións fan unha homenaxe á sociedade da época, simbolizando en cada unha delas atributos identificativos da historia. Ademais, pola súa disposición espacial, as figuras simbolizan un diálogo entre os tres personaxes de forma que se ve unha harmonía.

O equipo de restauradores/as, dirixido pola conservadora Iria López Baltar, visitou o conxunto do escultor ourensán para realizar unha primeira análise, identificar os materiais orixinais e avaliar as fracturas para a súa posterior restauración.

As actuacións nas esculturas comezaron a pasada semana, coa limpeza de tinturas de óxido así como cos traballos sobre os pernos metálicos rotos e descabezados. Nas vindeiras semanas comezarase a traballar de forma específica sobre a ‘Muller ártabra’. Os traballos centraranse no “cosido” e selado de fracturas presentes na peza.

Restauración da Gran Guitarra, de Pablo Serrano
Ademais da mellora e restauración do conxunto dos ‘Ártabros’, nas próximas semanas iniciarase unha actuación de urxencia sobre a ‘Gran Guitarra’ de Pablo Serrano. O monumento parte da súa propia homenaxe a Pablo Picasso coa colección “Guitarras o divertimentos con Picasso, la guitarra y el cubismo” que o artista levou a cabo entre 1983 e 1985, ano da súa morte.

O obxectivo principal destes primeiros traballos consiste en asegurar a peza para salvagardar a súa integridade e evitar a súa perda, destrución e deterioración. Para a súa execución cumprirá trasladar a peza a dependencias municipais, onde se realizará unha análise exhaustiva da súa estrutura. Este estudo permitirá valorar de forma favorable as posibles estratexias de intervención para realizar os traballos de restauración da peza escultórica. Entre os traballos que se prevén realizar está prevista a reconstrución dunha peaña que evite a acumulación de auga na superficie horizontal.

A guitarra é un dos símbolos da obra de Picasso, que levou ao Museo de Arte Moderna de Nova York (MoMA) a realizar a mostra “Picasso. Guitarras 1912-1914”, centrada na produción artística do artista español dende a creación, en 1912, dunha escultura con forma de guitarra en cartón e corda ata 1914, coa guitarra fabricada en metal. O autor, que pasou parte da súa infancia na Coruña, comezou a súa carreira artística na Escola de Belas Artes da cidade. A “Gran Guitarra” representa esa filiación do artista coa cidade e mantén a súa lembranza no Parque Escultórico da Torre de Hércules como símbolo da súa orixe artística.

Coa restauración do conxunto escultórico ‘Ártabros’ e a ‘Gran Guitarra’, o goberno de Inés Rey continúa na recuperación e mellora do patrimonio histórico-artístico da cidade e súmase á recente reposición da escultura orixinal de Emilia Pardo Bazán nos Xardíns de Méndez Núñez ou a recuperación dos reloxos históricos, así como á recente posta en marcha da recuperación do ‘Breogán’ de Escudero Carril.