O edil de Medio Ambiente, Santiago Galego, recordou que este venres, día 3, remata o prazo de inscrición en catro cursos organizados polo Instituto Tecnolóxico de Galicia, enmarcados dentro do proxecto europeo Gefrecon. Estas accións formativas impartiranse en liña e son de balde, tal e como avanzou. Persoal do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) encargarase de impartilos, podendo anotarse a través da web: https://www.gefrecon.eu/formacion/.
Os cursos serán sobre “Creación de empresas forestais e/ou apoio para optimizar métodos de traballo”, “Plans de prevención, autoprotección, actuación e xestión relativos aos incendios forestais para administracións públicas”, “Medidas de autoprotección e prevención de incendios forestais orientadas a axentes do territorio” e “Medidas de autoprotección e prevención de incendios forestais orientadas a formadores e educadores”.
Agricultores, gandeiros, propietarios de terreos, empresas de turismo de aventura e forestais, persoal técnico e das administracións públicas, escolares e axentes sociais son, entre outros, os destinatarios destas convocatorias. Ao finalizar cada participantes obterá un certificado no que constarán as horas do curso.