Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño merca un novo camión para a recollida do lixo


O vehículo, pouco maior que un furgón, traballará como “satélite” do camión compactador cubrindo as zonas onde está implantado o porta por porta

O Concello investiu cerca de 108.000 euros

Responsables da firma Grau Maquinaria i Servei Integral S.L. entregáronlle este martes pola mañá ao Concello o novo vehículo destinado ao servizo de recollida do lixo. Trátase dun camión capaz de cargar dúas fraccións separadas de lixo ao mesmo tempo . Gracias ao seu reducido tamaño e menor consumo cubrirá as rutas onde neste intre se está aplicando o sistema porta por porta, achegando despois os refugallos a puntos situados en vías principais polos que pasa o grande camión compactador municipal. O vehículo, no que se investiron cerca de 108.000 euros, funcionará na práctica como un satélite do camión do lixo e, ademais, permitirá ampliar a recollida domiciliaria a máis zonas do territorio.

Un camión máis pequeno -e novo- supón varias vantaxes. A primeira é un consumo menor. A segunda é a súa maior manobrabilidade en pistas estreitas. A terceira é a de ofrecer maior comodidade e seguridade para o persoal. A cuarta, e quizais a máis importante, é que facendo unha única viaxe poderán recollerse ao mesmo tempo os colectores verde -xenérico- e amarelo -envases- sen ter que andar dando tantas voltas, co que iso implica en aforro de tempo e de gasóleo.

O furgón permitirá, en definitiva, “ampliar e incrementar a eficiencia do servizo de recollida selectiva do lixo, aforrando cartos e contaminando moito menos”, precisa Secundino García. “Estamos na semana do Día Internacional do Medio Ambiente… e unha boa maneira de celebralo é estrear un camión que rebaixe as nosas emisións de CO² á atmosfera, seguindo os obxectivos de desenvolvemento sostible da axenda 2030 que no comprometemos a cumprir”.

Tras ganar o contrato a finais do ano pasado, a empresa adxudicataria entregou este mesmo martes pola mañá un modelo FUSO Canter -Mitsubishi- de 150 CV, cunha configuración cabina-chasis e toma de forza sobre a que se montou o equipamento de carga e apretado, composto por un minicompactador de 5,5 m³ e unha caixa de recollida de 3 m³.

O sistema de elevación vén preparado tanto para os colectores pequenos (120 litros) como para os grandes, de 360. O ciclo de descarga complétase en escasos 20 segundos, mentres que o de compactado se estima en arredor de 23.

Tal e como sinalaba o alcalde durante a recepción do vehículo, o que buscaba o Concello era “un camión moito máis lixeiro que o actual camión da recollida, que seguirá utilizándose nas rutas xerais”. De feito, segundo explica o rexedor, o novo funcionará como unha especie de “satélite” deste percorrendo as zonas cunha orografía máis pronunciada ou cun trazado máis difícil e logo depositará cada tipo de resíduo en determinadas illas de colectores polas que pase o camión grande.

Por outra banda, o pequeno camión tamén fará máis doado e áxil o traballo do persoal de Servizos, posto que, a diferenza da camioneta empregada desde hai uns anos, “este carga e descarga automaticamente os colectores e pode levar máis resíduos do contedor verde e do amarelo”.

A compra do novo equipamento de recollida supuxo un investimento de 107.781 euros, asumidos polo Concello con fondos propios. Nese importe inclúese a ampliación da garantía de pezas e man de obra até os catro anos.