Rivas agradece o apoio de Mirás e considera necesario que España avance ata conseguir un sistema democrático pleno
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, vén de reunirse con Darío Rivas, impulsor da querela presentada en Arxentina contra os crimes do franquismo. No encontro, o alcalde destacou a importancia de recuperar e manter a memoria histórica “porque un país sen memoria é un país sen alma”. Rivas agradeceu o apoio de Mirás, aprezou o seu interese pola causa e desexoulle moita sorte na xestión municipal.
Darío Rivas, de 95 anos, é fillo de Severino Rivas, que levaba só uns meses como alcalde do Concello de Castro de Rei (Lugo) cando foi asasinado polos golpistas o 29 de outubro de 1936. Por aquelas datas, o fillo tiña 16 anos e xa levaba sete emigrado en Bos Aires, onde emigrara con outros integrantes da familia para estudar. Desde o país americano, Rivas iniciou un proceso xudicial contra os crimes do franquismo. En 2004, logrou localizar o corpo de seu pai nunha cuneta. En 2005, foi exhumado e enterrado no panteón familiar.
Sobre a súa iniciativa xudicial, Darío Rivas precisa que “non me move so o recordo de meu pai, senón que reclamo por 115.000 vítimas, que para min son os heroes do drama español, dunha barbarie que ninguén pensaba que puidese suceder en España entón, no momento máis glorioso das letras españolas”. Rivas confía en que chegue a facerse xustiza: “se non fose así, non tería feito tanto labor”, comenta.
Algunhas satisfaccións xa tivo porque “polo menos estase dicindo algunha verdade e estanse procesando persoas que cometeron crimes de lesa humanidade, que non prescriben nunca”. Rivas incide en que “non busco vinganza, a vinganza para min non serve, o que serve é que dunha vez por todas esa xente razoe e que polo menos diga que cometeu unha equivocación”. “Non quero que os axusticien, como fixeron eles coas vítimas –engade-, eu quero unha xustiza humanitaria, non de prepotencia, crime e vinganza, que non sería xustiza”.
Rivas considera que os Concellos poden contribuír “moito” á recuperación da memoria histórica, aínda que “ás veces tampouco poden facer tanto porque teñen que seguir as directrices do goberno central”, dentro dun sistema co que é moi crítico. “En España –describe- practicouse a lei do esquecemento, e aínda actualmente séguese manexando polas leis de Franco e por un sistema monárquico imposto pola dictadura”. Nese sentido, considera que o país ten que dar aínda moitos pasos para superar esa “herencia” e ser “unha democracia plena, con liberdades e sen opresións e onde a palabra ‘democracia’ non se utilice para atropellar a ninguén”, comenta.
Manuel Mirás puxo de manifesto o exemplo e a lucidez humana de Darío Rivas. O alcalde de Oroso advertiu que “estamos falando de feitos que non se deben ocultar, mesmo porque son bastante recentes e aínda somos moitos hoxe os que vivimos as consecuencias da guerra, cunha posguerra que en moitos aspectos foi peor que a guerra”, manifesta Manuel Mirás.