Friday 22 de November de 2024

O concello advirte da obriga de conservar en bo estado de limpeza e mantemento so solares das zonas urbanas


A Policía Local realizou as comprobacións oportunas e nos próximos días os titulares de terreos que infrinxen a normativa recibirán o correspondente requirimento.

A Lei do Solo de Galicia establece o deber legal dos propietarios dos terreos situados en zonas urbanas de mantelos ao longo de todo o ano en bo estado de conservación e nas condicións óptimas de seguridade, salubridade e ornato público. Ademais, a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e a Lei de Montes de Galicia fixan as distancias mínimas a ter en conta nas plantacións forestais.

En cumprimento desas normativas, o Concello desenvolve cada ano unha campaña informativa sobre estas cuestións, con especial incidencia na primavera e no verán por tratarse das épocas de maior crecemento da biomasa, aínda que tamén nos meses restantes se levan a cabo actuacións dirixidas a cumprir as condicións de seguridade, hixiene, salubridade e ornato público dos terreos privados.
Neste sentido, a Policía Local realizou durante as últimas semanas as comprobacións oportunas do estado de conservación e mantemento dos solares situados nos tres núcleos urbanos (A Laracha, Paiosaco e Caión). Nos próximos días os titulares daqueles que incumpren a normativa recibirán o correspondente requirimento do Concello, informándolles, ademais, da posibilidade de impoñerlles multas coercitivas de entre 1.000 e 10.000 euros como medio de execución forzosa.

O Concello agradece á veciñanza a súa implicación e sensibilización con estas obrigas, dado que por norma xeral ditos labores se acometen en tempo e sen necesidade de notificación previa.