O Concello colabora na realización deste evento, que estará moi ligado ao resto de actividades promovidas polo Ano Internacional María Casares
O Teatro Rosalía de Castro acollerá este xoves, 2 de xuño, os XXVI Premios de Teatro María Casares. Trátase dunha edición dobremente especial, xa que será a primeira sen restricións sanitarias desde o 2019 e, ademais, coincide co Ano Internacional María Casares, impulsado polo Concello da Coruña.
Este martes presentouse no teatro Rosalía de Castro a gala coa presenza do primeiro tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego. Tamén participaron o director desta edición, Carlos Álvarez-Ossorio; o director da AGADIC, Jacobo Sutil; o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas; e a secretaria-tesoureira da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Arantza Villar.
O Goberno municipal de Inés Rey colabora activamente na realización deste evento, que este ano reivindicará a escena como “patria-refuxio” de todas as persoas desprazadas polas guerras, os conflitos ou a pobreza, como foi o caso de María Casares. Juan Ignacio Borrego reivindicou a importancia de que o teatro volva gozar dunhas condicións óptimas e sen restricións. “Desde o Concello amosamos sempre o noso compromiso con este sector tan importante da nosa cultura. Puxemos todas as nosas infraestruturas á súa disposición e realizamos numerosos espectáculos durante estes dous anos de incerteza. Tamén apoiamos numerosos proxectos relacionados co teatro a través do noso Bono Cultura dos PRESCO”, apuntou Borrego.
A gala dos Premios de Teatro María Casares afondará na importancia que tivo o exilio na vida da actriz e retratará a súa traxectoria a través de catro etapas vitais: a infancia, o exilio, a guerra e o teatro como patria. Será unha xornada cunha gran carga emotiva para o teatro galego e diferentes actrices poñerán voz a María Casares. Actuarán Marián Bañobre, Nerea Brey, Sheyla Fariña, Rosa Puga Davila, Marta Pérez e Mónica de Nut.
En canto aos premios, nesta edición haberá 14 espectáculos finalistas que optarán ás 14 categorías. ‘Cigarreiras’, obra de Contraproducións e Teatro Romea, e ‘Othello’, de Voadora, contan con 8 finalistas cada unha. ‘A lúa vai encuberta’, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, aspira a facerse con 7 galardóns, mentres que ‘Terceiro acto’, obra do Centro Dramático Galego (CDG) opta a 6. Pola súa banda, ‘Quixote’, de Pedras de Cartón; ‘Comando comadres’, de Matrioshka Teatro, e ‘O Charco de Ulises’, do CDG, rexistran dous finalistas. Cun finalista atópanse os seguintes espectáculos: ‘Serba me serbavo te’, do CDG; ‘Hugo’, dos Náufragos Teatro; ‘Cubo’, de Elefante Elegante; ‘A parábola do angazo’,
de Talía Teatro; ‘Morgana en Esmelle’, de Sarabela Teatro; ‘Soga e Cinsa’, de Aporía Escénica, e ‘A Cazola de Lola’, de Tanxarina. A gala poderá seguirse a través da canle de YouTube da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
A mostra sobre María Casares, no Quiosco Alfonso ata o 25 de xullo
Por outra banda, continúa estando aberta a exposición ‘María Casares, actriz océano’ no Quiosco Alfonso. A mostra é un dos eventos centrais deste Ano Internacional María Casares e supón a maior colección feita sobre a actriz ata o momento. A exposición contén máis de 200 pezas e fotografías que trazan unha cronoloxía da vida da actriz, como se fará este xoves na gala dos Premios de Teatro María Casares. No Quiosco Alfonso reúnense pezas prestadas por unhas 25 entidades diferentes.
A exposición conta con actividades paralelas que se desenvolverán ata o día do seu peche, o 25 de xullo. Hai un total de cinco sesións de diálogos teatralizados (o pasado 26 de maio, o 9 e 16 de xuño e o 7 e 21 de xullo ás 19.00 horas), que consisten nunha dramatización do club de Teatro Lido da biblioteca da Sagrada Familia. Reprodúcense tres momentos vitais da actriz: a súa infancia, as cartas entre María e Santiago Casares e unha entrevista nos seus últimos anos.
Por outra banda, os días 7 e 8 de xuño ás 19.00 horas está prevista a realización de lecturas en francés de ‘Résidente privilégiée’. Trátase de lecturas públicas desta autobiografía en colaboración coa Alliance Française da Coruña. Os días 5, 12 e 19 de xullo gravarase o podcast ‘Autobiografía de María Casares’, no que se lerán 10 fragmentos das memorias da actriz por distintas compañeiras de profesión.
Hai, ademais, varias visitas guiadas teatralizadas para público xeral e grupos concertados e unha visita guiada pola comisaria da mostra, María Lopo. Realizaranse o 4, 11 e 25 de xuño e o 6, 13 e 20 de xullo. Serán para un máximo de 15 persoas por grupo e comezarán ás 19.00 horas. A figura de María Casares será interpretada pola actriz Sabela Hermida. A visita guiada con María Lopo efectuarase o 18 de xuño ás 19.00 horas. Precisarase reservar a participación nestas actividades.