_A Secretaría Xeral para o Deporte vén de dirixir unha carta á RFGF na que expón a súa “sorpresa” sobre o sistema de elección do terreo de xogo na fase de ascenso que levará ao Racing “a xogar a súa primeira eliminatoria a Balaídos”
Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte, reclama a intercesión da Real Federación Galega de Fútbol ante a súa homónima nacional, para que o Racing de Ferrol xogue o seu primeiro partido da fase de ascenso á Segunda División no seu estadio da Malata, que segundo o sistema de elección do terreo de xogo implementado pola RFEF terá lugar o vindeiro domingo no Estadio Municipal de Balaídos ante o Nàstic de Tarragona. O Real Club Deportivo de La Coruña si poderá xogar a súa semifinal ante o Linares Deportivo no seu propio estadio, unha decisión que si parece obedecer á lóxica.
Neste sentido, a Secretaría Xeral para o Deporte, vén de dirixir unha carta á RFGF, na que expón a súa “sorpresa” sobre o sistema de elección do terreo de xogo na fase de ascenso que levará ao Racing “a xogar a súa primeira eliminatoria a Balaídos”. E continua: “as razóns dadas para xustificar a elección do terreo de xogo vigués fronte A Malata, entendemos non son suficientes como para compensar que o equipo ferrolán non poida disputar un partido tan esixente e importante na súa propia casa”.
O pasado 5 de maio, a RFEF informaba da selección dos estadios de Balaídos, Riazor e A Malata como sedes dos partidos da fase de ascenso á Segunda División. A asignación de estadio para cada partido determínase polas necesidades de aforamento de cada un dos equipos participantes, criterio que levou a RFEF a designar o Racing de Ferrol – Nàstic en Balaídos e que non comparte a Xunta de Galicia. De non acadar o cambio de estadio para esta eliminatoria e no caso de que o Racing de Ferrol acade a vitoria na semifinal, a Xunta de Galicia incide en que o equipo ferrolán debería xogar a final polo ascenso no seu propio estadio.