Friday 22 de November de 2024

O goberno local mantén o horario de verán para as terrazas ata que non se aprobe de forma definitiva a ordenanza municipal


“A nosa vontade é buscar un equilibrio entre o descanso dos veciños e os negocios hostaleiros, sempre con sentido común,”

O goberno local informa todos os hostaleiros e veciños de Cambre que a nova Ordenanza Reguladora de Instalación de Terrazas se acha nestes momentos en exposición pública, polo que lles insta a estudala e a realizar, se o cren oportuno, as posibles alegacións ao texto antes da súa aprobación definitiva. O concelleiro de Urbanismo, Juan Leirós, e o primeiro Tenente de Alcalde, Augusto Rei, mantiveron unha reunión esta mesma mañá con representantes dos hostaleiros de Cambre para abordar a norma sobre as terrazas e para coñecer que horarios son os que prevalecen antes da aprobación definitiva da ordenanza. O concelleiro recorda que mantivo ata cinco reunións coa asociacióncambresa de hostaleiros para abordar este asunto e, en principio houbo consenso sobre a aprobación da norma de terrazas. Insiste en que o goberno local é responsable de buscar un equilibrio entre o dereito dos hostaleiros a sacar rendemento aos seus negocios e garantir o descanso aos veciños. “A nosa vontade é buscar un equilibrio entre o descanso dos veciños e os negocios hostaleiros, sempre con sentido común”, indicou. O goberno quere aclarar que a súa vontade de flexibilizar estes horarios en época estival, posto que o obxectivo da norma é compatibilizar o dereito dos empresarios a instalar as súas terrazas e o dos veciños a transitar polos espazos públicos e a descansar.

O departamento de Urbanismo recibiu nas últimas semanas varias demandas sobre a ampliación dos horarios das instalacións de terrazas, polo que o responsable de Urbanismo decidiu manter a instrución do pasado ano referente aos horarios en época estival. Así, do 15 de xuño ao 30 de setembro os establecementos hostaleiros poderán situar as súas terrazas ata as 2.30 horas, polo menos ata que se aprobe a norma definitivamente. “Tendo en conta a situación económica actual. E o relevante papel da hostalaría como motor da economía local, mentres non se aprobe a ordenanza permitiremos estes horarios estivais “, apuntou.