O Concello organiza unha masterclass de Cata e maridaxe que se celebrará o vindeiro 13 de xuño nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. O edil de Promoción Económica, David Pita, indicou que o evento, que dará comezo ás 19.00 horas e impartirá a prestixiosa sommelier Marta Costas, está dirixido a profesionais do sector na cidade, que terán preferencia para cubrir a vintena de prazas que se ofertan.
Os asistentes, indicou, participarán na cata de doce viños: seis blancos, cinco vermellos e un doce, de diferentes zonas de Galicia. Marta Costas encargarase de realizar unha comparativa entre eles e explicar as diferentes denominacións de orixe e modos de elaboración, así como as variedades de uva predominantes nas diferentes zonas. Posteriormente na cata realizarase unha análise visual, outra de aroma e unha terceira de sensacións na boca.
Marta Costas é unha recoñecida sommelier que obtivo recoñecementos como os de Mellor Sommelier Revelación 2019, Xove Talento da Gastronomía 2022 por Basque Culinary Center, e foi tamén sommelier e xefa de sala en recoñecidos establecementos como A Tafona, Mugaritz e Auga e Sal.
“Unha das finalidades desta convocatoria, de balde, é contribuír á profesionalización da hostalería e restauración locais, ofrecéndolles da man de Marta Costas unha serie de coñecementos que poderán ser moi útiles na súa profesión”, apuntou Pita.
As persoas que desexen acudir poden anotarse dende mañá a través do correo electrónico: me.mendez@naron.es, enviando á citada dirección o nome completo e apelidos, número de D.N.I., un teléfono de contacto e, de ser o caso, especificar se pertencen ao sector da hostalería ou restauración, indicando o establecemento ou empresa.