O Pazo da Cultura de Narón acolleu hoxe a vixésimo segunda edición do Correlingua, unha proposta de carácter lúdico-educativo impulsada pola CIG Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, ademais de administracións públicas, entre elas o Concello de Narón. A convocatoria retomou este ano a modalidade presencial, tralas últimas dúas citas marcadas pola situación sanitaria derivada da pandemia. A alcaldesa, Marián Ferreiro, estivo presente no acto, que se dividiu en dúas quendas e ao que acudiron preto de 1.400 escolares de centros de ensino maioritariamente de Narón pero tamén de Ferrol e Neda, acompañados de persoal docente e representantes da organización.
O lema elixido para a actual edición desta convocatoria foi “Fálame!” e desenvolveuse en dúas quendas, unha de 10.00 a 11.00, á que acudiu alumnado dos CEIP Ponte de Xuvia e Virxe do Mar, de Narón, e do Isaac Peral de Ferrol. Na segunda quenda, de 11.45 a 13.00 horas, estivo presente alumnado do CRA de Narón (Domirón, Sedes e O Val), dos CEIP Piñeiros, A Solaina de Narón e tamén do Terra de Ferrol e A Laxe, de Ferrol e dos CEIP San Isidro e Maciñeira, de Neda.
A actriz galega Isabel Risco foi a encargada de presentar o acto e de ler o manifesto deste ano, para a continuación comezar a actuación musical de Paco Nogueiras. O mesmo programa repetiuse nas dúas quendas, nas que a alcaldesa da cidade se dirixiu aos asistentes para agradecerlles a súa implicación e colaboración e incidir na importancia de “conservar a nosa lingua, que é parte do noso patrimonio e que debemos usar para garantir o seu futuro”.
Ferreiro agradeceu o traballo da presentadora do evento e tamén felicitou a Paco Nogueiras polo seu espetáculo, ao tempo que destacou o traballo de CIG Ensino, A Mesa e AS-PG á fronte da organización. “É un pracer poder colaborar dende o Concello nun evento destas características, sobre un tema co que temos un gran compromiso nesta cidade”, recalcou a rexedora local, que emprazou ao público á vindeira edición deste evento.