— A publicación, narrada en primeira persoa, busca visibilizar a realidade de todas as persoas con Trastorno del Espectro Autista (TEA) e das súas familias
— Este certame foi creado para promover a creación de obras literarias que fomenten a inclusión social e está convocado pola Fundación María José Jove e a editorial Hércules de Ediciones
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu á presentación da obra Palabras de piedra de Ginés Cruz, gañador do I Premio Asubío de Novela, Infancia e Xuventude pola Inclusión, convocado pola Fundación María José Jove e a editorial coruñesa Hércules de Ediciones coa colaboración da Xunta de Galicia.
O representante da Consellería de Cultura destacou “a importante necesidade de achegar a todo o mundo outras realidades tan diversas e complexas a través da palabra escrita en galego, facéndonos entender e sentir o que pode ser o día a día a través dos ollos do autismo dende a sensibilidade coa que Ginés nolo transmite“.
No acto, que tivo lugar na sede da Fundación Rodríguez Iglesias, tamén estiveron presentes Ginés Cruz Zamora, autor da obra galardoada; Laura Rodríguez, editora da mesma, e Belén Rey, directora de Comunicación da Fundación María José Jove.
O Premio Asubío foi creado co obxectivo de promover a creación de obras literarias que fomenten a inclusión social. Ademais, a novela gañadora recibe unha dotación de 10.000 euros e a posibilidade de publicarse en galego e castelán no marco da colección Sin fronteras de Hércules de Ediciones.
Palabras de piedra é unha obra que, narrada en primeira persoa, visibiliza a realidade de todas as persoas con Trastorno del Espectro Autista (TEA) e das súas familias. Invita ao lector a comprender o mundo do autismo, con todo o que isto supón: literalidade na linguaxe, dificultades na socialización ou nivel baixo de empatía. Ao mesmo tempo, convida a entender que o mundo pode ser visto e vivido doutros xeitos, igualmente enriquecedores. Trátase dunha novela sobre o autonoñecemento da asunción das propias limitacións e de como é posible aceptar o risco que supón atreverse, a pesar delas, a soñar.
Ginés Cruz trata así o autismo e o autismo hereditario cunha visión honesta e optimista e narra con minimalismo e sinxeleza a actitude duns pais ante a discapacidade. É, pois, unha novela que combina unha visión realista e mesmo divulgativa cun trasfondo poético e emotivo.