Representantes do executivo local reuníronse este luns co Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones
No encontro tamén se falou dos proxectos eólicos de tramitación estatal que lle afectan a San Sadurniño, á espera de que haxa resposta para as alegacións presentadas polo Concello e a veciñanza
O Alcalde de San Sadurniño, Secundino García, reuniuse este luns á tarde na Coruña co Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, para abordar distintas cuestións de interese para o Concello. Os temas principais tratados na xuntanza foron o dunha posible colaboración estatal para continuar coa posta en valor do castelo de Naraío, pero tamén para levar a cabo reparacións na ala leste do Convento do Rosario que alberga o posto da Garda Civil e a Casa da Xuventude. O rexedor, que acudiu ao encontro na compaña das concelleiras Mari Carme Muíño e Araceli Bellas, tamén lle preguntou ao Delegado do Goberno polo estado en que se encontran os expedientes dos proxectos eólicos de tramitación estatal, habida conta de que aínda non se recibiron respostas ás alegacións presentadas o verán pasado polo Concello e pola veciñanza.
Con respecto ao castelo de Naraío, o obxectivo municipal é acadar financiamento para emprender unha nova fase da consolidación e posta en valor da fortaleza, convertida nun dos principais reclamos turísticos da comarca gracias ás obras financiadas pola Deputación que finalizaron a comezos de 2020.
O Concello busca agora implicar ao Estado nun proxecto que continuaría as escavacións e a consolidación do perímetro inferior dos muros -sobre todo a cortina sur-, ademais de habilitar un sendeiro que permita dárlle toda a volta á fortaleza pola súa parte máis baixa.
Non sería a primeira vez que se acada axuda estatal para a fortaleza. Hai máis dunha década xa se dedicaran 227.000 euros do 1% Cultural do Ministerio de Fomento á segunda grande intervención que se levou a cabo no castelo. Unha fórmula de colaboración que podería reeditarse dentro do acordo do 2% Cultural suscrito o pasado mes de decembro polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e o Ministerio de Cultura e Deporte. “Explicámoslle ao delegado todo o que se leva feito e o que faltaría por facer. Mostrouse interesado e avanzounos o seu apoio para concorrer ás axudas do 2% Cultural que se van convocar dentro de pouco para financiar a conservación de patrimonio declarado Ben de Interese Cultural, como é o castelo de Naraío”.
En relación coa conservación do patrimonio, o Concello tamén lle trasladou ao delegado do Goberno a solicitude de colaboración para acometer as reparacións que require parte da cuberta da antiga Casa do Concello, situada no conxunto do Convento do Rosario. O bispado -con axuda da Xunta- fixo traballos de conservación nos últimos anos tanto na igrexa como no claustro e outras estancias do edificio. Porén, a ala leste e norte -a que alberga as dependencias da Garda Civil e a Casa da Xuventude- precisa desde hai tempo o amaño da cuberta e do illamento.
A intención municipal é chegar a un acordo co Ministerio do Interior para que asuma a parte correspondente dos custes. “A Garda Civil recibiu como cesión as estancias da antiga Casa do Concello e parece lóxico que o Ministerio do Interior colabore nunhas obras que son urxentes e necesarias. Ademais tamén completarían a renovación da cuberta do conxunto arquitectónico do Rosario”, sinalou García engadindo que a resposta do Delegado do Goberno foi a de “estudar a solicitude e ver que posibilidades hai de colaboración tamén neste aspecto”.
Parques eólicos
Na reunión, á que Secundino García acudiu na compaña das concelleiras Mari Carme Muíño e Araceli Bellas, tamén se falou dos parques eólicos de tramitación estatal que se pretenden instalar na zona, sobre todo o parque eólico Caaveiro, proxectado ENEL Green Power.
Neste sentido a delegación municipal preguntou pola fase en que se encontran os proxectos publicados o ano pasado e polas respostas ás alegacións presentadas tanto polas veciñas e veciños como polo propio Concello. Segundo explicou Secundino García á saída do encontro, Miñones teríalles trasladado que desde 2021 “non se produciron cambios ao respecto”, ademais de recordar que os informes desfavorables da Xunta “que son vinculantes”, dixo García, impiden que se constrúan novos parques “fóra das áreas de desenvolvemento previstas no plan eólico de Galicia”.
“Tal e como está hoxe a normativa parece difícil que o parque eólico Caaveiro, o que máis nos afecta, vaia adiante. Pero tamén pode ser que a normativa cambie ou que se busquen maneiras de aplicala baseadas no ‘interese xeral’ que acaben por autorizar todos eses proxectos. De momento só podemos agardar e prestarlle atención a calquera movemento que se produza neste sentido”, conclúe Secundino García.