— Haberá sesións todos os sábados, con entrada libre ata completar a cabida
— A finais de mes chega a exposición itinerante da Xunta arredor do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán
A Biblioteca Pública da Xunta na Coruña ‘Miguel González Garcés’ ofrece en xuño unha sesión de maxia e diversos contacontos para público infantil nos que se lle achega a ciencia á cativada. Ademais, a finais de mes chega a este espazo a exposición itinerante organizada pola Xunta co gallo das Letras Galegas, en homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, que se suma á conmemorativa do centenario de María Casares e a outras mostras con propostas de lectura para o verán. A información sobre as actividades pode consultarse na web do centro.
A programación infantil comeza este sábado da man de Chespir Teatro, que ofrecerá A viaxe das bolboretas, un espectáculo de estimulación sensorial para bebés de ata tres anos. O día 11 conxúganse teatro, monicreques e ciencia con A Xanela do Maxín e Toupiciencia Show, no que inclúen divertidos e dinámicos experimentos científicos para promover a curiosidade da rapazada de catro a 12 anos.
O sábado 18 será a quenda do ilusionismo, a comedia e a improvisación con A maxia dos libros, a cargo de David Méndez e para público familiar. O mes péchase con máis ciencia, desta vez con Galeatro e Entre bechos anda o conto, unha proposta de monicreques e narración oral que afonda na importancia dos bechos na vida cotiá e no medio natural. Todas as sesións terán lugar ás 12,00 horas e con entrada libre ata completar a cabida.
Canto ao público adulto, en xuño haberá unha única xornada do obradoiro de escrita creativa impartido por María Jesús Molina Raspal, que despide o curso este venres, día 3. A formación para as persoas usuarias sobre os recursos e servizos da biblioteca terá lugar os mércores 15 e 22, e as visitas guiadas continuarán todos os martes e xoves con inscrición previa.
Achegamento a Florencio Delgado Gurriarán
O 20 de xuño chega á Coruña a mostra itinerante organizada pola Xunta en homenaxe ao autor protagonista da celebración das Letras Galegas deste ano, titulada Florencio Delgado Gurriarán: compromiso na distancia. A iniciativa achégalle ao público un percorrido pola obra do escritor a través dos acontecementos vitais que conformaron o seu estilo e argumentario poético. Valdeorras, a emigración, o compromiso co galego, o apoio a refuxiados políticos da Guerra Civil e o exilio en México son os eixes desta acción divulgativa que permanecerá neste espazo ata o 10 de xullo.
Ademais, continúa ata decembro a exposición María Casares, residente privilexiada, integrada na programación da Xunta para conmemorar o centenario da actriz. Formada por 200 fondos propios da biblioteca, como publicacións, fotografías ou filmes, a través dela afóndase nesta figura universal do teatro a través de materiais relacionados coa súa vida e contorna familiar.
Por outra banda, as mostras bibliográficas que comezan en xuño son De rodeo polo mundo, cunha escolma de libros e outros documentos de lectura recomendada para viaxar, e Un verán de aventuras, con publicacións e filmes para desfrutar nas vacacións. Dirixida ao público infantil, esta última permanecerá ata finais de agosto.