Thursday 21 de November de 2024

Conclúe o curso de camareiro/a de piso do Programa Integrado de Emprego do Concello da Laracha


Os alumnos da iniciativa, que acolle diferentes actividades formativas e de orientación, comezarán a realizar prácticas non laborais a partir de xuño

 

Aproveitar as múltiples posibilidades de inserción laboral que ofrece a recuperación do sector do turismo. Este é o obxectivo do curso de Camareiro/a de Piso que o Programa Integrado de Emprego do Concello da Laracha ven de finalizar o pasado xoves 26 de maio. Ao acto de clausura asistiu a Concelleira de Servizos Sociais, Promoción Económica, Sanidade, Muller e Emprego, Rocío López Rey, que ademais de felicitar ás persoas participantes puido coñecer as súas valoracións sobre a realización de dito curso.

Unha vez rematadas as actividades formativas, os alumnos do programa que tiveron un aproveitamento positivo da formación, comezarán a realizar prácticas non laborais en distintas empresas da área. Os primeiros en ter a oportunidade de pór en práctica os coñecementos adquiridos serán as persoas participantes nos cursos de Elaboracións Básicas de Cociña, Servizos Básicos de Barra e Restauración, Organización de Almacén e Camareiro/a de Pisos.

Todas estas actividades teñen como meta a mellora da empregabilidade e a inserción laboral das persoas participantes. O obxectivo do programa é o de acadar que o 35% das persoas asistentes atopen un traballo e o desempeñen a lo menos durante 3 meses. Polo de agora, arredor dun 25% están xa ocupadas.

Nos vindeiros meses, o Programa Integrado de Emprego do Concello da Laracha acollerá novas actividades entre as que están os cursos de Xestión Loxística, Mellora de Xestión de Stock e Beneficios no Comercio, Aplicacións Informáticas de Xestión e Manexo de Follas de Cálculo, Emprendemento, Habilidades Sociais: Comunicación Intelixencia Emocional e Traballo en Equipo, Formación en Competencias Persoais para o Emprego e Coaching e Orientación. Tamén se realizarán accións formativas transversais como as formacións en busca de emprego na rede, obradoiros de entrevistas e realización de currículos e cartas de presentación. Actualmente, atópanse en curso as actividades de Desenvolvemento Web para o Comercio Electrónico, Estratexias de Servizos: Calidade e Orientación ao Cliente. Todas estas accións conta coa financiación por parte da Xunta de Galicia e do Servizo Público de Emprego Estatal.