Friday 22 de November de 2024

O concello mantén a oficina de atención para informar aos propietarios sobre os incumprimentos detectados pro Seaga na xestión da biomasa nas faixas secundarias


O Concello está adherido ao convenio coa Xunta de Galicia e a Fegamp en materia de prevención e defensa contra incendios.

O Concello lembra que no edificio administrativo da Laracha (Avenida Fisterra, 60) ten a disposición da cidadanía unha oficina de atención aos titulares das parcelas situadas nas faixas secundarias aos núcleos rurais sobre os incumprimentos na xestión da biomasa detectados pola empresa pública Seaga. As persoas que recibiran a notificación poden acudir a este servizo municipal para informarse sobre a localización da parcela que presenta o incumprimento da normativa, a área da mesma que está afectada e o procedemento que se seguirá para acometer os traballos oportunos. Pódese solicitar cita previa chamando ao teléfono 981612811.

Cabe lembrar que o Concello da Laracha está adherido ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública de servizos agrarios Seaga para a protección das aldeas en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.

En virtude do mesmo, Seaga realizou unha revisión íntegra do estado de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa nas parcelas que se atopan nesa área de protección, isto é, a unha distancia inferior a 50 metros das áreas cualificadas como núcleo rural. Nesas franxas de seguridade ideadas para evitar a propagación do lume, os titulares dos terreos deben cortar e retirar a maleza e as especies arbóreas máis combustibles que están incluídas na Disposición Transitoria 3ª da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Entre elas atópanse os pinos, eucaliptos, acacias, toxos, silvas e fentos. Esta circunstancia está a ser notificada por vía postal aos titulares das parcelas que incumpren a normativa, informándolles da superficie afectada e dunha estimación provisional do custe económico das actuacións a realizar.