O 1 de xuño ábrese o prazo para solicitar os permisos para a celebración das cacharelas e sardiñadas da noite de San Xoán, tanto en terreos de propiedade privada como pública. Así o recollen as normas de seguridade aprobadas hoxe en Xunta de Goberno.
Unhas normas redactadas pola concellería de Mobilidade e Seguridade Cidadá, aprobadas hoxe en Xunta de Goberno e das que informou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa. Para as persoas, organizacións e comunidades que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada na súa zona de residencia, en espazos públicos e privados, o prazo remata o 16 de xuño. E para os particulares que vaian facer esa cacharela ou sardiñada nunha propiedade privada, o prazo finaliza o 22 de xuño. Neste caso deberán presentar a comuncación previa debidamente cumprimentada e asinada.
As solicitudes, que deberán ir acompañadas dun plano de situación do espazo público (no privado non se necesita plano); presentaranse segundo o modelo oficial MO002, a través da sede electrónica do concello de Santiago e ou no rexistro xeral do Concello de Santiago.
A hora límite para rematar a celebración é as 03:30 horas da madrugada, de acordo co disposto no artigo 5.f da Lei 10/2017 de 27 de decembro de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Prohíbese expresamente a celebración de Cacharelas e Sardiñadas de San Xoán nas seguintes prazas: Praza do Obradoiro, Praza da Quintana, Praza do Toural, Praza de Praterías, San Martiño Pinario, Praza de Cervantes, Inmaculada, Praza de Mazarelos, Irmán Gómez, San Miguel e San Agustín.
O texto destas “Normas de xestión de permisos para as cacharelas/sardiñadas de San Xoán 2022”, que se fan extensivas a estas celebracións durante o mes de xuño, sexa a noite do 23 ou calquera outro día; é o seguintes:
A celebración das Cacharelas/Sardiñadas na vía pública están suxeitas á corresponde autorización do Concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadán que será publicado no BOP e na páxina web do Concello xa que, se considera de interese xeral que os veciños que participen nas cacharelas e sardiñadas coñezan os termos da resolución por razóns de protección do medio ambiente e seguridade pública (artigo 45 da Lei 39/2015 de 1 de outubro)
As que se desenvolvan en terreos de propiedade privada deberán presentar comunicación previa da actividade.
Cacharelas en espazos públicos
As persoas, organizacións e comunidades que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada na súa zona de residencia deberán presentar a solicitude correspondente, segundo modelo oficial (MO002) publicado na Sede electrónica do Concello de Santiago (sede.santiagodecompostela.gal), sinalando o nome, enderezo, teléfono, copia do D.N.I. dos responsables da organización ou comunidade, e todos os datos que constan no modelo da solicitude, así como as declaracións responsables que correspondan, debidamente asinadas.
A solicitude debe ir acompañada dun plano de situación do espazo público (no privado non se necesita plano) no que se vai a situar a cacharela/sardiñada; así como da situación de todos os elementos, que ademais da cacharela se coloquen no espazo autorizado.
As solicitudes presentaranse, preferente, a través da sede electrónica, ou no Rexistro Xeral do Concello de Santiago dende o 1 de xuño ata as 00:00 horas do 16 de xuño de 2022.
Cacharelas en espazos privados
Os particulares que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada en terreos de propiedade privada deberán presentar a comunicación previa debidamente cumprimentada e asinada, segundo solicitude xeral, publicado na sede electrónica do Concello de Santiago (https://sede.santiagodecompostela.gal). As solicitudes poderanse presentar na sede electrónica do Concello ou ben a través do banner instalado na páxina web: www.santiagodecompostela.gal dende as 00:00 horas do día 1 de xuño ata as 00:00 horas do día 22 de xuño de 2022. As persoas asinantes da comunicación previa teñen que ser maiores de idade. Con este trámite é suficiente para poder levar a cabo a actividade, sen prexuízo da responsabilidade por danos ou perdas a que houbera lugar no caso de que concorrera neglixencia ou imprudencia.
Os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080) e o de Emerxencias (112).
Se a propiedade está en zona urbana: o volume do combustible da cacharela non excederá os 2 metros de diámetro e 6 metros de perímetro, nin un metro de altura.
En zona rural: o volume do combustible da cacharela non excedera os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro, nin os 3 metros de altura.
A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, agás no casco urbano.
Porase especial coidado en situar a fogueira alonxada das vivendas, vehículos, e instalacións e locais nos que se almacenen produtos inflamables; asemade non se situarán baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin preto de masas arbóreas ou zonas vexetais susceptibles de ser queimadas.
Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.
En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros.
No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso públicos enlousados, os organizadores encargaranse, pola súa conta, de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 cm.
Prohíbese a colocación e exhibición de pancartas que non estean expresamente autorizadas.
A fogueira permanecerá vixiada polos solicitantes ata a súa total extinción que deberá ser asegurada empapando os restos totalmente con auga, asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas.
No caso de que se levante vento que poida dificultar a vixilancia e extinción da fogueira esta deberá suspenderse ou apagarse de inmediato.
Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematar a cacharela e/ou sardiñada.
A hora límite para rematar a celebración é as 03:30 horas da madrugada, de acordo co disposto no artigo 5.f da Lei 10/2017 de 27 de decembro de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.
Cumprir o establecido na Lei 11/2010 de 17 de decembro, de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.
No caso das cacharelas/sardiñadas na propiedade privada os interesados deberán comunicalo ao Concello no prazo establecido. No caso das cacharelas/sardiñadas na vía pública a competencia para a súa autorización corresponde ao Concelleiro Delegado de Mobilidade e Seguridade Cidadán, por decretos de Alcaldía de 17 e 21 de xuño de 2019 polos que se nomean as Concellerías delegadas e acordo da Xunta de Goberno Local de 24 de xuño de 2019 de delegación de competencias.
Prohíbese expresamente a celebración de Cacharelas e Sardiñadas de San Xoán nas seguintes prazas: Praza do Obradoiro, Praza da Quintana, Praza do Toural, Praza de Praterías, San Martiño Pinario, Praza de Cervantes, Inmaculada, Praza de Mazarelos, Irmán Gómez, San Miguel e San Agustín.
Nas cacharelas e sardiñadas que se celebran en espazos públicos, Terán prioridade as Asociacións Veciñais e Culturais.
O desenvolvemento de celebración das cacharelas e sardiñadas cumprirá estas normas e as Ordenanzas municipais.
O cumprimento destas normas será verificado polo persoal do Servizo de Extinción de Incendios que, se é o caso, dará conta á Policía Municipal das infraccións. Lémbrase que o nº de tfno do Servizo de Bombeiros é o 080 (só emerxencias) ou o 981 542 444; e asemade, o número de Emerxencias da Xunta de Galicia é o 112.