Friday 22 de November de 2024

Sigüeiro acolle este sábado a V Primavera no Camiño Inglés, que promove os atractivos etnográficos, gastronómicos e culturais dos 18 municipios polos que pasa esta ruta xacobea


Está organizado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Oroso

O programa inclúe unha vintena de actividades gratuítas entre degustacións, música, showcookings, obradoiros infantís, catas comentadas e espectáculos familiares

A alameda de Góis en Sigüeiro (Oroso) acollerá este sábado 4 de xuño a quinta edición de Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Oroso, para poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta xacobea que conecta A Coruña e Ferrol con Santiago de Compostela.

Unha iniciativa que foi presentada esta mañá na sede da institución provincial polo seu presidente, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira, que estiveron acompañados polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira Varela, e o deputado provincial e concelleiro de Turismo de Oroso, Antonio Leira Piñeiro.

Valentín González Formoso destacou que o evento volverá a reunir aos 18 concellos do Camiño Inglés tras a pandemia para potenciar a imaxe dunha ruta xacobea que cobrou un importante protagonismo nos últimos anos grazas ao traballo conxunto de Deputación, a Asociación de Concello do Camiño Inglés e os propios municipios polos que discorre o camiño, aos que agradeceu a súa “absoluta implicación”.

“Trátase da quinta edición dun evento xa consolidado, co que queremos fortalecer e darlle vigor á economía, a historia e a tradición vinculada a este Camiño que discorre integramente pola provincia da Coruña”, afirmou o presidente.

Formoso destacou o “importante retorno económico” que o Camiño ten para os concellos, así como “a dimensión internacional” da axenda de promoción deste itinerario xacobeo que a Deputación e a Asociación de Concellos están a levar a cabo, con accións turísticas tanto no Reino Unido, onde se atopa o “quilómetro cero” do Camiño Inglés, coma noutros países europeos como Italia.

O vicepresidente Xosé Regueira desexou “mil primaveras mais” para este evento e sostivo que “o Camiño Inglés medra cada ano en número de peregrinos e é un dos itinerarios xacobeos con máis futuro”.

“Esta na nosa man facer del un camiño sostible, que teña retorno para as economías municipais”, afirmou Regeueira, que considerou que “a Deputación está facendo as cousas ben” e que o a ruta está a supor “un escenario de oportunidades” para o sector turístico.

Manuel Mirás agradeceu tanto a colaboración da Deputación da Coruña como “o traballo realizado ao longo dos últimos meses por todo o persoal municipal dos dezaoito concellos que participan na Primavera no Camiño e, de forma moi especial, ao persoal do Concello de Oroso polo magnífico traballo realizado para que esta edición sexa todo un éxito”. Neste sentido, destacou que o Camiño Inglés “é un motor de dinamización socioeconómica como non hai outro. O seu impacto económico nos concellos polos que pasa é de 4 millóns de euros e cada vez son máis as persoas interesadas no Camiño, como puidemos comprobar nas nosas últimas viaxes a Inglaterra e a Italia”.

Un aspecto no que incidiu tamén o deputado Antonio Leira, que indicou que “para o Concello de Oroso o Camiño é unha fonte económica, pois os máis de 20.000 peregrinos que pasan cada ano deixan máis de 600.000 euros no municipio, o 9% do orzamento municipal. Ademais é un estímulo para a economía local como demostra a posta en marcha de sete albergues nos últimos anos. Sete familias de Oroso que viven directamente do Camiño Inglés”, afirmou.

Actividades gratuítas

Todas as actividades de Primavera no Camiño Inglés son de participación gratuíta, se ben o número de prazas é limitado. Entre as 11:00 e as 22:00 horas, a Alameda de Góis de Sigüeiro (Oroso) acollerá os postos nos 18 municipios polos que discorre esta ruta xacobea: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Carral, Culleredo, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. Uns municipios que darán a coñecer a súa variada oferta turística, cultural e gastronómica a través de diferentes actividades: showcookings, actuacións de música tradicional, espectáculos de maxia, presentacións de proxectos, obradoiros infantís e para adultos, degustacións de produtos típicos…

Mirás Franqueira destacou que “este ano estará dividida en dúas carpas que representan dous escenarios diferentes. Por unha parte, o Escenario Primavera, que será o espazo institucional onde estarán os postos dos 18 concellos e onde terán lugar as presentacións de actividades e iniciativas, así como algún espectáculo de música e maxia. E o Escenario Rede Stelar, un espazo gastronómico e un mercado artesanal onde poremos en valor o que teñen en común os establecementos que forman parte desta rede: a calidade e a mellor atención ao peregrino baixo criterios esixentes de sustentabilidade e empregando produtos quilómetro cero”. A maiores, na carpa institucional haberá o chamado “Espazo Lúdico Primavera”, onde terán lugar os obradoiros infantís.

Escenario Primavera

No Escenario Primavera, as actividades darán comezo ás 10:45 cos pasacalles dos grupos folclóricos “Lembranzas do Tambre” e “Buxos Verdes”, ambos os dous de Oroso. Ás 11:30 horas actuará a Banda Xuvenil Airiños de Fene e ás 12.00 horas porase en escena un espectáculo de maxia organizado polo Concello de Santiago de Compostela.

Ás 12.30 horas está programada a inauguración institucional de Primavera no Camiño Inglés. Xa pola tarde, ás 17:00 horas a Asociación de Concellos do Camiño Inglés presentará as súas dúas próximas iniciativas: a segunda edición do Concurso de Fotografía Dixital “Camiño Inglés” e a primeira Media Maratón e 10k do Camiño Inglés, que terá lugar o próximo mes de xullo.

Ás 17:15 horas, o grupo de música e baile Tradicional Xacarandaina (A Coruña) porá en escena o seu novo espectáculo “Endaterra”, que pon en valor a variante do Camiño Inglés que entra polo porto da Coruña ata Compostela. Estarán acompañados por “Os do fondo da barra”, grupo de cantareiros de Xacarandaina. Ás 18:30 horas, nova actuación promovida polo Concello de Oroso co grupo folclórico “Argalleira”, mentres que o concerto da banda de música de Arzúa, ás 21:00 horas, encargarase de pechar esta edición de Primavera no Camiño.

Espazo Lúdico Primavera

Nesta mesma carpa emprazarase o Espazo Lúdico Primavera, onde se concentrarán os distintos obradoiros infantís, así como a elaboración dun graffiti sobre o Camiño Inglés da man da ilustradora de murais Nana, do Concello de Ordes, que repite experiencia tras o éxito acadado o ano pasado en Ferrol. Tamén repite o obradoiro infantil de barro de Brañas de Valga do Concello de Mesía, que entre as 11:30 e as 13:30 horas desenvolverán os artesáns Antón Román e Susana González e que permitirá que a rapazada leve para casa algunha que outra creación da súa propia man. No mesmo horario, o Concello de Cabanas ofrece unha exhibición das súas fiandeiras.

Pola tarde, entre as 17:00 e as 19:00 horas haberá tres obradoiros: un de creación de chapas, cortesía do Concello de Culleredo; un segundo de elaboración de Pan, da man do Concello de Neda; e un terceiro de elaboración de barcos de papel do Concello de Ferrol, como parte da iniciativa “Ferrol destino patrimonio mundial”, que busca que a cidade departamental sexa recoñecida pola Unesco. Finalmente, o Concello de Pontedeume ofrecerá varios pases das visitas coa Serena, unha forma de dar a coñecer as noites da vila dos Andrade.

Escenario Rede Stelar

O Escenario Rede Estelar acollerá as degustacións e exhibicións gastronómicas, así como o mercado artesanal, entre as 11:30 e as 20:00 horas. O programa abrirase ás 11:30 horas cun obradoiro de xabóns de arxila de Brañas de Valga, a cargo da artesá Claudia Moar, promovido polo Concello de Mesía. Entre as 12:00 e as 14:00 horas terán lugar as dúas primeiras degustacións de produtos típicos: tortilla de Betanzos con Pan de Neda e Troitas de Oroso con Pan de Carral.

Paralelamente, ás 12:30 horas o cociñeiro Daniel López, do restaurante “O Camiño do Inglés”, representará ao Concello de Ferrol cun showcooking sobre a dieta Ártabra. Ás 13:00 horas, cata comentada da Indicación Xeográfica Protexida de Betanzos, viños certificados da marca da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas. Ás 13:30 horas, degustación do bolo mariñeiro do Concello de Miño, recheo de queixo e marisco; e showcooking de marisco a cargo do Concello de Pontedeume.

Ademais de participaren nas degustacións e nos showcookings, as persoas que asistan poderán acceder a un gastrobar cunha oferta gastronómica de produtos de proximidade dos 18 municipios que conforman o Camiño Inglés.

Xa pola tarde, están previstas dúas novas degustacións: de sobremesas do Concello de Oroso (ás 16:30 horas) e de Troitas de Oroso con Pan de Carral (de 19:00 a 20:00 horas). Así mesmo, contarase cun concerto de Arnela, do Concello de Carral (18:00 horas), e a actuación das Cantareiras de Oroso (19:00 horas).