Na xornada deste 30 de maio iniciouse a impartición da primeira das accións do itinerario formativo dirixido a persoas con diversidade funcional posto en marcha pola Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal e a FSC Inserta, co cofinanciamento da Fundación ONCE e do Fondo Social Europeo.
Este primeiro curso consiste na limpeza en instalacións e equipamentos industriais, cun total de 110 horas lectivas. A parte teórica abarca o período do día 30 de maio ao 22 de xuño, mentres que a práctica vai do día 23 ao 30 de xuño.
A edil Amparo Cerecedo (BNG) desprazouse ata a Casa da Mocidade para recibi-las 11 persoas participantes. Lembra tamén que continúa aberto o prazo para se anotar nos dous cursos restantes.
A seguinte acción focalizarase na recepción e procesamento de peixes e mariscos, cun total de 160 horas que se repartirán da seguinte maneira: do día 1 ao 29 de xullo terá lugar o eido teórico e a parte práctica transcorrerá do día 1 ao 12 de setembro.
E, por último, a formación sobre manipulación de cargas con carretas elevadoras, traspalés e de man desenvolverase do día 19 de setembro ao 25 de outubro, cun total de 130 horas entre teoría e práctica.
A matrícula débese formalizar mediante o teléfono de contacto 981554483 ou o Servizo de Orientación Laboral do Concello, que tamén se habilita para solicitar información. As persoas aspirantes deberán estar en posesión do certificado de discapacidade igual ou superior a un 33% ou ter recoñecida a incapacidade por profesión habitual.