Saturday 16 de November de 2024

Dotado de abastecemento e saneamento o lugar do Campiño


O lugar do Campiño xa conta con rede de abastecemento de auga potable e de saneamento, segundo anunciaron o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), na compaña do arquitecto técnico municipal, Héctor Muñiz.

Os traballos consistiron na demolición de parte do pavimento anterior para efectua-la instalación da canalización, pozos de rexistro e bombeo, arqueta de rexistro e equipamento de bombeo para, posteriormente, repoñe-lo asfalto. No total, actuouse nunha superficie de 230 metros lineais.

A obra foi adxudicada á empresa Excavaciones Nima S.L. e o importe ascendeu aos 73 646’60, IVE incluído, con cargo ás arcas municipais.

Algunhas vivendas da zona atópanse coas acometidas á rede e en vindeiras datas proverase de electricidade o bombeo por parte da empresa subministradora de enerxía para o pleno funcionamento do sistema.

O mandatario local fixo fincapé no compromiso de continuar coa ampliación da rede de saneamento neste ano a outras áreas do concello como Ouxo, Santo Isidro ou O Freixo.