Monday 25 de November de 2024

Moeche abrirá a piscina de Souto Grande o próximo 20 de xuño


O luns 20 volverá abrir ao público a piscina municipal de Souto Grande nun marco de nova normalidade que xa non limita o uso das duchas e vestiarios e que permite ampliar ao aforo respecto do ano pasado. Malia que a data oficial de apertura está posta para esa xornada, o domingo 19 xa haberá actividade nas instalacións, reservadas para a celebración da festa de fin de curso do CEIP San Ramón que organiza a ANPA do centro en colaboración co Concello.

Os prezos públicos da piscina serán os mesmos do ano pasado, 1,50€ para entradas individuais infantís -ata 12 anos- e 2,80€ para persoas maiores desa idade, mentres que as familias non terán que pagar polas nenas e nenos menores de 3 anos. As entradas puntuais de cada día poderanse mercar no ambigú da área recreativa.

A entrada única é o máis aconsellable se se vai ir á piscina de maneira moi esporádica. Pero se temos previsto ir refrescarnos con regularidade a Souto Grande, a opción que máis compensa polo axiña que se desconta é mercar abono de temporada. Os prezos están fixados en 15€ para os abonos infantís, 30,50€ no caso dos de maiores de 12 anos e ademais hai abonos familiares con acceso ilimitado de ata catro persoas -con vinculación ata un 3º grao- por un prezo de 58,50 euros, que se incrementará logo de 10 en 10 euros por cada membro que se incorpore ao bono.

Os abonos da temporada poderán solicitarse presencialmente no Concello a partir do 6 de xuño, en horario de 9 a 14:00h. de luns a venres; ou ben a través do correo daniel.feijoo@moeche.gal, por medio da Sede Electrónica, ou chamando ao 981 404 006 (ext. 3) en horario de mañá.

Para a veciñanza de Moeche manterase unha reserva do 75% abonos dispoñibles durante os primeiros días (do 6 ao 10 de xuño). A documentación que se debe presentar é unha copia do DNI da persoa aboada, unha foto tamaño carné, o xustificante do pagamento da taxa e, por suposto, cubrir a ficha correspondente (descargable desde a web municipal).

A temporada na piscina abrangue este ano desde o 20 de xuño ata o 11 de setembro, ambos días incluídos. En xuño permanecerá aberta de 16 a 21:00h de luns a venres e de 14:00h a 21:00h os sábados e domingos.

Durante os meses de xullo e agosto abrirá de 15:00 a 21:00h pola semana e de 14:00 a 21:00h os sábados, domingos e festivos. Polas mañás, de 12 a 13:00h, as instalacións estarán reservadas para cursos de natación. En setembro abrirá de 16:00 a 20:00h de luns a venres e de 14:00h a 20:00h durante as fins de semana.

Mantemento e socorrismo

O Concello aprobou esta mesma semana a contratación do servizo e socorrismo, do que se encargará a empresa Sedega, por importe de 11.267,40 €. Tamén se lle contratou á empresa Xemade -3.860 euros- a posta a punto e mantemento inicial, consistente no baleirado, limpeza e desinfección do vaso antes de volver enchelo, así como o control da calidade sanitaria da auga. A isto hai que sumarlle os gastos do servizo de mantemento durante toda a tempada : limpezas diarias da lámina e de repasar o fondo do vaso cada dous días, control dos equipamentos de depuración e dos parámetros da auga, material limpeza e desinfección, enerxía eléctrica e auga, mantemento zonas verdes na piscina e na área recreativa.

Área recreativa e período de altas temperaturas.
Recórdase que durante o período de máximo risco de incendios -do 1 de xullo ao 30 de setembro- só se poderán facer churrascadas nas lareiras de pedra habilitadas e sempre cerciorándose antes de que o Índice de Risco Diario de Incendio (IRDI) non estea en Moeche no nivel extremo. Así mesmo, lémbrase que non se permitirá o acceso de cans (salvo os de guía).