Friday 22 de November de 2024

O BNG convoca concentración informativa sobre o Pazo dos Serrano


O alcalde anulou o Pleno Ordinario de maio.

O BNG ía pedir explicacións sobre a operación urbanística no Pazo.

Este mércores 1 de Xuño ás 20:30, o BNG de Culleredo convoca unha concentración informativa en Vilaboa, fronte ao Centro Social de Rutis, diante do muro do Pazo dos Serrano, para reivindicar mediante o coñecemento da situación, que se free a operación especulativa nos terreos do Pazo.

O PXOM que se aprobou inicialmente en 2013 prevía obter para patrimonio público o conxunto dos 10.000 m2 do recinto do pazo, que conta cun xardín extraordinario e está protexido polo Camiño de Santiago. Non hai explicacións para saber que pasou co acordado pola Corporación. Cando o proxecto do PXOM foi á Xunta para a avaliación medioambiental esta emitiu un informe no que se lle indicaba ao Concello que alí non se pode construír en altura.

O alcalde, que anunciou hai uns días o inicio dunha operación especulativa nos terreos do Pazo dos Serrano, non convocou o Pleno Ordinario de maio para evitar a fiscalización ao respecto polo BNG. O Grupo Nacionalista solicitou hai semanas copia dos convenios urbanísticos que existan coa inmobiliaria propietaria dos terreos e non tivo resposta. O BNG tamén solicitaba que se fixeran públicos estes convenios para que a xente poida coñecer as hipotecas do goberno municipal.

Causa asombro saber que Rioboo levaba varios meses traballando coa empresa para sacar adiante o proxecto cando cada vez son máis quen acoden ao BNG para que lles axudemos reclamar polo estado de tramitación das licenzas que teñen solicitado, con ata 2 anos de agarda. Veciños e veciñas que cando solicitan reunirse co alcalde para pedir explicacións, non obteñen máis que escusas para non darlles cita. Agora a xente xa pode saber a que se dedica o alcalde de Culleredo e de parte de quen está.