Ao redor de 40 persoas participaron na primeira andaina do programa ‘ Camiñada Bergondo en feminino’, que consta de dous roteiros a pé para coñecer a vida e obra das mulleres homenaxeadas polo Concello de Bergondo nos anos 2021 e 2022.
Esta nova fase do programa municipal, a través do que se investiga a historia das mulleres do municipio co obxectivo de visibilizar a súa contribución á sociedade, ten o obxectivo de continuar divulgando a traxectoria das mulleres bergondesas, visibilizando as súas achegas á sociedade e reivindicando a igualdade.
O primeiro roteiro, celebrada hoxe sábado 28 de maio, vai de Ouces a Moruxo, e tivo un percorrido de 4 quilómetros con saída ás 10:30 horas do Centro Social de Ouces Antonia Pato e chegada ás 12 horas ao cemiterio de Moruxo. Neste primeiro itinerario as persoas participantes achegáronse ás figuras de Antonia Pato Pardo, María Vázquez López e Indalecia Juana Pérez Mesa.
A segunda terá lugar o sábado 4 de xuño, de Guísamo a Cortiñán, cun percorrido de 3,6 quilómetros con saída ás 10:30 horas desde a Sociedade Recreativa de Guísamo e chegada ás 12 horas ao Centro Social de Cortiñán. Aquí as figuras que se coñecerán en profundidade son as de Natividade Martínez de Pan e Carmen Miramontes Vidal, aproveitando neste último caso para descubrir a placa na súa homenaxe no lavadoiro de Cortiñán.