Aprobado inicialmente o cambio na forma de xestión do Servizo de Axuda no Fogar, modalidade libre concorrencia
A unanimidade foi a protagonista da sesión plenaria ordinaria de maio do Concello de Lousame xa que todas as propostas saíron adiante co apoio dos tres grupos políticos municipais. Así, o Pleno aprobou de forma definitiva a Relación de Postos de Traballo do Concello de Lousame, resolvendo as alegacións presentadas.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que se decidiu desestimar unha alegación do Colexio de Educadores Sociais de Galicia por ser unha alegación tipo que se está a presentar en todos os concellos pero que se “atendeu a reclamación das traballadoras do centro de día de Lousame para incluílas na RPT”.
O proceso de estabilización de emprego laboral no municipio afectará a 23 persoas, que pasarán a ter os mesmos dereitos e obrigas co persoal funcionario. No caso dos soldos, aqueles que teñan que reducir as súas retribucións farano no exercicio 2022; mentres que no caso de subida de soldos estes acometeranse de forma progresiva entre 2022 e 2025, cun 16% no primeiro ano e un 28% nos seguintes.
A anécdota do Pleno xurdiu no debate desta proposta, cando o voceiro do BNG; Anxo Moledo, indicou un erro na documentación presentada, xa que saía o seu nome como traballador do centro de día de Lousame. Un erro que foi corrixido pola Secretaria municipal.
Mocións en xunta de voceiros
Así mesmo, o Pleno aprobou inicialmente o cambio na forma de xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), modalidade libre concorrencia. “Constituíuse un comité de expertos que preparou unha memoria que se presenta agora a Pleno”, explicou Teresa Villaverde. A proposta foi aprobada por unanimidade e sen debate. Finalmente, a alcaldesa de Lousame deu conta do período medio de pago do primeiro trimestre, que ascende a 36,1 días. “Temos que melloralo, aínda que non está sendo doado”, apuntou Teresa Villaverde.
Na quenda de mocións, aprobouse por unanimidade un expediente de modificación de crédito para utilizar 20.000 euros do remanente municipal para o pago dunha indemnización a un traballador en situación de incapacidade temporal. Un expediente que será tramitado pola vía de urxencia xa que a resolución xudicial chegou onte mesmo e o primeiro prazo para abonar a indemnización comeza o 30 de xuño.
Por último, despois dun receso na sesión plenaria para debater entre os voceiros dos tres grupos políticos, acordouse deixar sobre a mesa as mocións presentadas a este pleno por coincidiren nas temáticas e ter sido presentadas a última hora, de forma que só cada grupo coñecía o contido da súa propia moción. PP, PSOE e BNG acordaron levalas á próxima xunta de portavoces para ver se de aí poden saír mocións conxuntas dos tres grupos municipais.