A directora de Turismo de Galicia recollerá a acreditación concedida ao Camiño de Santiago de mans dos Reis de España
A cerimonia de entrega das acreditacións da sexta promoción dos Embaixadores Honorarios da Marca España xa ten data, terá lugar o 12 de novembro na cidade de Madrid. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recollerá neste día a acreditación concedida ao Camiño de Santiago de mans dos Reis de España.
O Camiño de Santiago foi designado Embaixador Honorario da Marca España o pasado ano na categoría de Relacións Institucionais, por un prestixioso xurado integrado por numerosos representantes de empresas asociadas ao Foro de Marcas Renomeadas Españolas (FMRE), de diversas institucións da sociedade española, así como por altos representantes da Administración Pública española.
Segundo o xurado, a Ruta Xacobea foi elixida para formar parte deste prestixioso grupo por converterse nunha icona de España coñecida e recoñecida internacionalmente.
Así mesmo, os representantes destacaron a gran popularidade do Camiño que atrae cada ano a miles de turistas e peregrinos de todo o mundo, os cales, a través do mesmo, se familiarizan e vinculan de por vida á cultura e á gastronomía españolas.
O Foro de Marcas Renomeadas Españolas co apoio e a colaboración do Alto Comisionado do Goberno para a Marca España, concede estas acreditacións aos Embaixadores Honorarios da Marca España con carácter bienal, ao obxecto de ofrecer un recoñecemento público a aquelas persoas ou institucións españolas que ao longo da súa traxectoria profesional contribuíron e contribúen significativamente a reforzar a imaxe de España no mundo.
Numerosas distincións
Este novo recoñecemento súmase as numerosas distincións que avalan a importancia do Camiño de Santiago, entre as que destacan a declaración de Primeiro Itinerario Cultural Europeo, en 1987 polo Consello de Europa, a declaración de Patrimonio de la Humanidad pola UNESCO en 1993, ou o Premio Príncipe de Asturias da Concordia, en 2004, entre outras.