O grupo gañador do certame, pertencente ao colexio coruñés CPR Montespiño, participará na IV Olimpíada Matemática Nacional na categoría alevín que se realizará a finais de xuño na cidade de Burgos
A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (UDC) acolleu esta mañá a final galega do XXI Rebumbio Matemático, un certame organizado pola Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (Agapema) que conta co apoio do Concello da Coruña.
Un total de 48 alumnos e alumnas de sexto ano de Educación Primaria (divididos en 16 grupos de tres rapazas e rapaces), procedentes de toda Galicia, participaron hoxe na competición final do certame tras obter as súas respectivas clasificacións nas sete fases de zona (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).
A xornada comezou ás once da mañá coas probas por equipos, de dúas horas e cuarto de duración e consistentes na resolución dunha serie de problemas matemáticos. A continuación, as alumnas e alumnos participantes na final galega do XXI Rebumbio Matemático levaron a cabo unha visita guiada ao Castro de Elviña, na previa da entrega de premios ás gañadoras e gañadores, realizada no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación ás 16.30 horas.
O concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, participou no acto de entrega dos galardóns aos grupos de alumnas e alumnos gañadores. Fíxoo acompañado de María Cristina Naya Riveiro, delegada da Agapema na Coruña. O grupo gañador do certame, pertencente ao colexio coruñés CPR Montespiño, pasará a competir na IV Olimpíada Matemática Nacional na categoría alevín, que se realizará na cidade de Burgos os días 24, 25, 26 e 27 de xuño.
“Temos o compromiso, desde o Goberno municipal, de traballar a diario para brindarlles ás novas xeracións todas as oportunidades posibles para que saquen o máximo partido do seu talento. Citas como o Rebumbio Matemático reflicten que, desde as administracións públicas, indo da man con asociacións como Agapema, podemos abrirlles un camiño de futuro aos estudantes e a poñer en valor o esforzo do profesorado e dos centros educativos, indispensable para potenciar as capacidades das rapazas e rapaces e axudarlles a crer en si mesmos, en todo o bo que levan dentro”, sinalou Jesús Celemín