Tamén se aprobaron con carácter inicial as ordenanzas de terrazas e uso da praia de Caión e definitivo as do viveiro de empresas e o Programa Harmoniza.
No Pleno ordinario celebrado hoxe os tres grupos municipais aprobaron por unanimidade a actualización do irmandamento vixente entre A Laracha e Olonne sur Mer para adaptalo á nova realidade desa localidade francesa trala súa fusión con outros dous municipios.
No ano 2010 os Concellos da Laracha e de Olonne sur Mer rubricaron o seu irmandamento, o que posibilitou que durante a última década se levasen a cabo diversas iniciativas relacionadas coa promoción do turismo e coas actividades de intercambio cultural, educativo, deportivo e lingüístico nas que participaron centos de laracheses e de olonnais de todas as idades.
En 2019 fíxose efectiva a fusión dos tres antigos municipios franceses que formaban o País de Olonne: o propio Olonne sur Mer, Sables d’Olonne e Château-d’Olonne, que agora forman unha entidade única de máis de 45.000 habitantes baixo a denominación Les Sables D’Olonne, coa que hoxe o Pleno autorizou o novo irmandamento oficial.
Despois das reunións mantidas recentemente entre representantes do goberno local da Laracha e do Comité de Irmandamento do municipio francés, o alcalde, José Manuel López Varela, avanzou que en agosto unha delegación larachesa -que contará con alumnado do IES Agra de Leborís e membros da Asociación Cultural Arume de Caión- viaxarán a Les Sables D’Olonne para participar na Festa dos Irmandamentos desa localidade.
Ordenanzas municipais
A unanimidade dos tres grupos municipais repetiuse na aprobación con carácter inicial de dúas ordenanzas.
Unha delas é actualización da normativa sobre as terrazas dos locais de hostalaría. O texto modifícase na procura dunha mellor organización e distribución dos espazos para permitir a actividade, pero garantindo a boa accesibilidade para os peóns e adecuando a estética da terraza en torno ao lugar no que se sitúa. Tamén establece os horarios de funcionamento nas diferentes épocas do ano.
A outra ordenanza que se aproba con carácter inicial é a do uso da praia de Caión, que ten por finalidade regular as actividades que se realicen no areal co propósito de aumentar a seguridade e protexer a saúde pública e o medio ambiente. O alcalde, José Manuel López Varela, aclarou que trata de “compatibilizar as actividades náuticas co uso e desfrute da praia por parte dos bañistas”, pero sempre dando preferencia a estes últimos para garantir a súa seguridade cando as circunstancias así o requiran. O rexedor explicou que o texto da nova normativa “foi consensuado cos diferentes sectores implicados” e que é “unha ampliación do que xa estaba regulado na ordenanza sobre condutas cívicas e promoción dos espazos públicos”
Ademais, no Pleno acordouse elevar a definitiva a aprobación doutras dúas ordenanzas, en ambos casos coas abstencións dos grupos municipais do PSOE e do BNG.
A do novo Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha engloba, adapta e regula o funcionamento de todos os servizos municipais de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar. A normativa garante a continuidade do programa durante os próximos anos e facilita a incorporación de novas medidas se así fose necesario. O texto proposto contempla notables rebaixas na puntuación da baremación necesaria para ter dereito a bonificacións na cota xeral e prioriza o acceso ao servizo ás persoas que xustifiquen a necesidade por circunstancias laborais ou sociofamiliares.
A do viveiro municipal de empresas está centrada na regulación tanto dos criterios de admisión como no funcionamento das instalacións. Grazas a esta infraestrutura o Concello ofrece aos emprendedores laracheses a oportunidade de dispoñer dun espazo físico –naves industriais e oficinas- e as condicións e servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación da súa actividade, apoiando, así, as iniciativas empresariais que contribúan á dinamización industrial, á promoción económica e á creación de emprego no municipio.