Hoxe foron recibidos polo alcalde no salón de plenos
Dúas nenas e dous nenos saharauis están a pasar o seu período estival en Riveira grazas á solidariedade de tres familias do municipio que lles brindan acollida no marco do programa Vacacións en Paz.
O alcalde Manuel Ruiz, acompañado da concelleira de Servizos Sociais, Esther Patiño, recibiu hoxe no salón de plenos do Consistorio aos catro rapaces e ás súas familias de acollida, interesándose pola súa estancia en Riveira e eloxiando a xenerosidade dos veciños do municipio que lles dan acubillo.
A familia formada por Teresa Santamaría Crujeiras e José Antonio Ramalo Domínguez están a acoller ao neno Chaima Mohamed Aabeidu; a formada por Virginia Crespo Olveira e Francisco José Cameán García, á nena Bachar Hamma Mohamed, mentres que a familia formada por Manuela García García e Francisco González Chouza custodian a Naual Mohamed Lamin (nena) e a Mohamedou Matalla Mohamed Embarac (neno).
Os catro pequenos recibiron uns agasallos en forma de mochilas e outro material escolar, e as súas familias de acollida, uns libros sobre a exposición do Santa Isabel.
O Concello de Riveira colabora co programa Vacacións en Paz a través dunha achega económica neste exercicio de 3.760 euros.