Friday 22 de November de 2024

O día grande da Festa do Banquete de Conxo celebrase este domingo


A Carballeira de Conxo acollerá finalmente este domingo o xantar e a romaría popular da Festa do Banquete, na que a cidadanía poderá desfrutar das diversas recreacións teatrais deste evento histórico, actuacións musicais e o ambiente de troula. Esta xornada festiva, prevista inicialmente para o día 22 de maio, tivo que ser aprazada por mor do mal tempo.

Tras dúas intensas xornadas de actividades para a todas as idades, celebradas os pasados venres 20 e sábado 21, o prato forte da Festa do Banquete, previsto nun principio para o domingo pasado e adiado por razóns meteorolóxicas, terá lugar este domingo 29 na Carballeira de Conxo.

O programa da xornada arrancará ás 11:00 h co desfile teatral “Alá van estudantes e artesáns”, un percorrido desde a Praza do Toural ata Conxo, seguido por “Baixamos ao bosque do Banquete de Conxo”. Todas aquelas persoas que o desexen poderán unirse aos desfiles, vestidos de época.

Xa na propia Carballeira, ás 13:30 h, a formación “A música de Cecebre” amenizará o ambiente co seu repertorio de música popular, precedendo ao pregón da Festa, a cargo das veciñas do Castiñeiriño, María Dolores Domínguez (Madó) e de Laraño, Iria Portos Condes. Diferentes grupos de teatro da cidade baixo a dirección de Os Quinquilláns, farán a representación teatral do Banquete de Conxo, tras a que se dará paso ao xantar e á romaría popular, cos brindes de veciñas e veciños.

Pola tarde, a partir das 17:00 h celebrarase “O serán da Fraternidade”, unha foliada que estará amenizada pola música e bailes tradicionais de Os Fondaos do Pífaro e Muiñeiros de Sarela. Os máis pequenos da casa, poderán tamén participar nunha mostra de xogos tradicionais con teatro e música baseados na cultura agraria, coa que poderán coñecer máis os paxaros da fauna local. A xornada pecharase co pregón de despedida da Festa a cargo do escritor Suso de Toro e Os Quinquilláns.

Para o xantar, os participantes na romaría poden traer a súa propia comida e bebida da casa, ou mercala nos foodtrucks instalados na rúa Ramón Baltar para levar á Carballeira.

Tren do Banquete de Conxo
Durante a xornada do domingo, veciños e visitantes poderán tamén desfrutar dun percorrido especial e gratuíto do tren turístico, decorado para o ocasión con motivos da Festa do Banquete de Conxo.

Os traxectos, de ida e volta, terán como punto de partida a Alameda e chegarán ata o barrio de Conxo, con prioridade de acceso para as familias con nenos, as persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época. As horas de saída desde a Alameda (parada “Aurelio Aguirre”, situada na avda. de Xoan Carlos I, onde a igrexa do Pilar) serán a cada hora en punto desde as 11:00 h ata ás 19:00 h e desde a praza de Martín Herrera (parada “Rosalía de Castro”) de 11:30 a 19:30.

Rosalía no Bosque do Banquete de Conxo
Entre o 14 e o 29 de maio, ao longo do traxecto de baixada do desfile ao Banquete de Conxo, entre a praza de Cervantes e o Bosque do Banquete de Conxo, os viandantes poderán desfrutar da exposición “Rosalía no Bosque do Banquete de Conxo” que pretende difundir a arte figurativa ao mesmo tempo que se fai un recoñecemento aos protagonistas do Banquete de Conxo.