Un total de catro normas xurídicas incluídas no Plan Normativo do Concello para este ano están actualmente na plataforma “Narón Participa”, para que as veciñas e veciños poidan plantexar as suxestións que consideren oportunas ao borrador elaborado para cada unha delas dende os servizos administrativos municipais. A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, recordou que a través desta plataforma a cidadanía pode participar na planificación e elaboración da normativa municipal. Nesta ocasión, dende hoxe e ata o 13 de xuño poderanse presentar novamente suxestións e propostas ao Regulamento da Caixa Municipal de Garantías e Depósitos do Concello e ás modificacións da actual Ordenanza reguladora do Procedemento de Intervención administrativa na execución de obras e no exercicio de actividades e servizos do termo municipal; da ordenanza reguladora da Administración Electrónica do Concello; e da de Rotulación de vías urbanas, diseminadas e numeración de edificios do Concello.
García animou á veciñanza a empregar a plataforma Narón Participa “para plantexarnos as cuestións que consideren oportunas, para coas aportacións de todos e todas os que o desexen, perfilar esas normas”. Os citados documentos están actualmente na fase de audiencia cunha nova recollida de propostas, tras rematar a fase de consulta previa á redacción das disposicións normativas citadas. Unha vez examinadas as suxestións que se presenten a través da plataforma “Narón Participa”–coa incorporación das aportacións veciñais de ser o caso- someteranse a aprobación inicial no pleno para a publicación no Boletín Oficial da Provincia, abríndose entón un prazo de 30 días para presentar alegacións, como paso previo a súa aprobación definitiva e posterior entrada en vigor.
A través da dirección: www.naronparticipa.es accédese á citada plataforma municipal, así como dende a propia web do Concello –www.naron.es- ou do Portal de Transparencia municipal. Poden participar no proceso as persoas maiores de 16 anos empadroadas en Narón ou que acrediten a condición de interesados/as e tamén as organizacións e asociacións legalmente constituídas e potencialmente afectadas, tal e como recordou a concelleira de Participación Cidadá.