Monday 25 de November de 2024

O Concello restaurará e abrirá ao público o Museo de Interpretación dos Canóns do monte de San Pedro


O Goberno municipal tamén arranxará un dos canóns da batería do parque e xa finalizou os traballos de mellora da cúpula

O labirinto de arbustos volverá abrir aos visitantes nas próximas semanas

O Concello da Coruña contratou os traballos de restauración do Museo de Interpretación dos Canóns da batería militar do monte de San Pedro co obxectivo de volver abrilo ao público proximamente, segundo anunciou hoxe a alcaldesa, Inés Rey.

O museo, que leva anos pechado, atópase nunha das dependencias do parque e contén pezas históricas de artillería que volverán estar á disposición das persoas interesadas para o seu visionado e estudo. O obxectivo con esta actuación é por en valor os bens municipais e darlles un novo pulo ás instalacións do monte de San Pedro, indicou a alcaldesa.

Os traballos consistirán na reparación do interior das instalacións. Tamén se actuará sobre un motor e unha bala expostas no exterior, o edificio con aseos anexo e sobre varandas e elementos de sinalización da súa contorna. No interior do edificio substituiranse os conectores da acometida eléctrica e repararanse as gretas, ademais do pintado de todas as instancias.

Arranxos nun canón e na cúpula do parque
Por outra banda, o Concello tamén restaurará un dos canóns da batería do monte de San Pedro, que está en mal estado na actualidade. A actuación conta cun orzamento de 36.000 euros e consistirá na reposición da chapa da zona da cuberta que presenta unha gran degradación pola corrosión. Unha vez concluídos estes traballos, procederase ao seu pintado.

O Concello tamén actuou sobre a cúpula do parque de San Pedro, levando a cabo pequenos arranxos na súa estrutura que permitiron que volva estar operativa.

Concretamente, saneouse o mobiliario do conxunto, como o canón das escaleiras ou elementos da saída de emerxencia e as barras antipánico do percorrido de evacuación.

Substituíronse diversos vidros deteriorados da cúpula e reacondicionáronse os aseos e o falso teito da estrutura.

Reapertura do labirinto
Por outra banda, Inés Rey tamén anucio a próxima reapertura do labirinto do parque de San Pedro. O labirinto tivo que ser pechado e replantado despois de que no 2019 se vira afectado por unha plaga de fungos. Desde entón permanece pechado. Os novos arbustos, xa libres de fungos, teñen xa a altura precisa para a súa próxima apertura.