A XIX Volta Ciclista á provincia da Coruña constitúe un grande espectáculo deportivo que se desenvolverá do día 27 ao 29 de maio con Ortigueira, A Laracha e A Pobra do Caramiñal como sedes das tres etapas desta edición que discorrerá ao longo de 400 quilómetros co impulso da Deputación da Coruña e a Federación Galega de Ciclismo. Reunirá preto dunha vintena de equipos participantes da categoría elite sub-23 e suporá a mobilización de aproximadamente un milleiro de persoas, entre ciclistas, organización, público e familiares.
O municipio pobrense acollerá no 29 de maio a terceira etapa da proba que partirá da praza Alcalde Segundo Durán para percorrer distintos concellos do Barbanza e culminar na Curota coa entrega de premios. A saída efectuarase ás 10.00 horas para completar un total de 116’4 quilómetros.
Na presentación desta fase da volta, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, manifestou que, despois de dous anos de parada producidos pola pandemia, “estamos moi ilusionados por rescatar unha das mellores probas que temos no ámbito nacional”, onde se conxugarán deporte e paisaxe, “que quedará na retina dos participantes e de tódolos espectadores.”
Neste aspecto tamén fixo fincapé o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), quen explicou a decisión de rematar na Curota polas características do tramo. O rexedor referiuse, ademais, á repercusión que terá este evento deportivo para a localidade, pois converterase tamén nun medio para a promoción da riqueza paisaxística, cultural e gastronómica, polo cal expresou o seu agradecemento á institución provincial por elixir neste 2022 A Pobra, especialmente nun ano en que o ciclismo está tendo moito auxe despois de que Barbanza Arousa apostase tamén pola I Challenge Volta Barbanza A Orixe. Neste senso, o mandatario local apuntou que “agardamos que marque unha liña para seguir nos próximos anos.”