Na sesión tamén se trataron os regulamentos sobre horarios e gratificacións do persoal municipal e deuse conta da liquidación do orzamento do ano pasado, que deixa 1,19 millóns de euros de remanentes
Este xoves, derradeiro do mes de maio, foi día de pleno ordinario en San Sadurniño. A sesión comezou ás 19:30h con nove puntos na orde do día, dos cales cinco ían na parte resolutiva -para deliberación e acordo da corporación- e os catro restantes na de control e fiscalización. No primeiro apartado destacaron as propostas de aprobación de dous regulamentos de aplicación ao persoal municipal e, sobre todo, a votación das bases das bolsas escolares para o curso 2022-2023. Na parte de control, a alcaldía deu conta das resolucións asinadas desde a última sesión, entre as que se incluía a da liquidación do orzamento do 2021, cuns remanentes de tesouraría próximos a 1,19 milóns de euros.
Os regulamentos que lle afectan ao persoal -consensuados na Mesa Xeral de Negociación- son os relativos á asignación do complemento de produtividade e as gratificacións, e tamén o referido aos horarios laborais, vacacións e licenzas. Neles descríbense, en primeiro lugar, as situacións e condicións para poder percibir retribucións complementarias, así como os métodos de cálculo do seu importe.
No caso do regulamento dos horarios veñen definirse os tempos de traballo de cada departamento e as súas especifididades, os servizos extraordinarios fóra da xornada, o control horario, o teletraballo, etc .
As dúas propostas de acordo debatéronse como primeiras cuestións do pleno. A das gratificacións saíu adiante co apoio dos tres grupos, mentres que a dos horarios só foi apoiada por BNG e PSOE e coa abstención do PP. O concelleiro desta formación José Luís Hermida inquiriu ao Executivo local sobre como se contemplaba a organización dos tempos e descansos no SAF, ademais de suxerir a existencia de problemas de organización no servizo. O BNG defendeu o contido do documento por ter sido aprobado por unanimidade na Mesa Xeral de Negociación, ao tempo que acusou ao edil do PP de poñer en dúbida a profesionalidade do persoal técnico -encargado do funcionamento do SAF- e de querer facer sindicalismo desde o pleno. O BNG tamén insistiu en que as condicións laborais das traballadoras do SAF “están blindadas” e que este colectivo foi o que máis mellorou a súa situación nos últimos anos.
Tras debater o asunto dos horarios do persoal municipal -o que máis tempo ocupou da sesión- o pleno municipal deulle o visto e prace á proposta de elaboración dun plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para a Administración local, que será complementario do PIOMH xeral que xa se está desenvolvendo.
Bolsas escolares
Houbo tamén unanimidade en canto ás bases polas que se rexerá a concesión das bolsas escolares no curso 2022-2023 que comezará en setembro. O Concello mantén a dotación económica de 25.000 euros: 10.750 para estudos obrigatorios, outros 10.750 euros para postobrigatorios, 1.500€ para 2º ciclo de Educación Infantil (ao que só o Concello lle outorga axudas) e 2.000 euros de reserva para atender posibles situacións socioeconómicas especiais.
As contías máximas mantéñense: ata 100 euros para 2º de Educación Infantil, 200 euros de tope por alumno/a en estudos obrigatorios e ata 800 no caso dos postobrigatorios. O principal cambio é a ampliación dos umbrais de renda da unidade familiar, que pasan dos 9.000 aos 12.000 euros no caso de 2º de Educación Infantil e de 18.000 a 25.000 euros nas de estudos postobrigatorios. Tal e como quedou patente no pleno, este incremento dos umbrais económicos permitirá que accedan ás axudas un maior número de familias.
A achega para a formación obrigatoria seguirá vinculada co cheque para material que outorga a Xunta, de maneira que non está suxeita a xustificación perante o Concello de niveis de renda.
As axudas poderán solicitarse desde o 29 de agosto ata o 19 de setembro, ambos días incluídos, na liña de que poidan resolverse e estar ingresadas nas primeiras semanas do curso, coincidindo co intre en que as familias deben facer un maior esforzo económico.
1,19 millóns de euros de remanentes
No tramo final da sesión -que rematou sen rogos nin preguntas por parte da oposición- deuse conta da relación de decretos asinados pola Alcaldía desde o pleno anterior. Ademais tamén se deixou constancia -a través dos expedientes incluídos na documentación plenaria- de que San Sadurniño se sumará a Moeche, Cerdido e Valdoviño para solicitar colaboración económica da Deputación para o financiamento da formación que se vai impartir no centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla.
Entre os asuntos para dación de contas á corporación tamén cabe destacar a aprobación da liquidación do orzamento de 2021, que dá como principais cifras un resultado orzamentario de 104.170,15 euros, 24.118,03 euros pendentes de imputación e, a principal, un remanente de tesouraría para gastos xerais axustado que ascende a 1.189.984,49 euros.