Friday 22 de November de 2024

TEGA e PSOE aprobaron no pleno un modificado de crédito para investir 2,5 millóns de euros na cidade


Os edís de Terra Galega e PSOE aprobaron inicialmente no pleno desta tarde cos seus votos favorables –BNG e PP abstivéronse- un expediente de modificación de créditos por importe de 2.500.015 euros para realizar importantes investimentos na cidade. O portavoz de Terra Galega e concelleiro de Facenda, Román Romero, desglosou na sesión as principais actuacións que se acometerán con cargo a esta partida global, como obras de accesibilidade valoradas en algo máis de 550.000 euros na estrada de Castela, Cidade Europa, Santa Icía, Virxe do Mar, e en edificios municipais como o complexo polideportivo da Gándara e o Centro Manuela Pérez Sequeiros, no colexio Virxe do Mar. Así mesmo, tamén se recollen actuacións, entre outras, como a demolición do cuartel da Garda Civil de Xuvia -247.727 euros-, a urbanización de viais no barrio da Solaina -169.888 euros-, a ampliación da rede de saneamento en San Mateo -156.997-, melloras en eficiencia enerxética na estrada de Cedeira e no pavillón da Gándara -133.000- unha senda peonil no camiño de Igrexa a Braña, en Doso -80.634 euros-, e o acceso ao muíño de Prados -48.236-.
Os investimentos a levar a cabo destinan tamén partidas para acometer melloras en centros de ensino –máis de 60.000-, melloras en locais sociais –algo máis de 50.000 euros-, avanzar en materia de reciclaxe -outros 50.000 euros-, e á organización de diversos eventos festivos, de feiras e mercados, a programas gastronómicos e de promoción do sector comercial, a dotación dun parque de calistenia en Xuvia, a instalación dun xogo na praza 23 de Novembro e a elaboración dun estudo sobre as mulleres en Narón.

Na sesión plenaria saíu adiante tamén a proposta de imposición de penalidades á empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar por incumprimento grave das súas obrigas contractuais durante a execución do contrato, por importe de 42.330 euros. O citado importe deducirase da contía da seguinte factura que emita a citada empresa. Neste punto, a concelleira de Benestar Social, Catalina García, repasou os trámites realizados e avanzou que dende o Concello “tratamos de sacar o servizo o máis dignamente posible e confiamos en que así sexa co novo contrato”. Finalmente, a alcaldesa, Marián Ferreiro, aludiu ás numerosas reunións e xestións realizadas dende o grupo de goberno para tratar de solventar os problemas detectados e incidiu en que “administrativamente temos que actuar”.
No apartado de mocións, o BNG presentou unha solicitando a concesión da medida de graza de indulto ao exsecretario comarcal da CIG Xesús Anxo López Pintos, condeado por un suceso que tivo lugar en outurbro de 2012. A moción aprobouse cos votos favorables de todos os edís menos os do PP.
O grupo municipal do PP presentou unha moción en apoio á redución do IVE aos salóns de peiteado e imaxe persoal, para que se reduza do 21 ao 10% que se aprbou co respaldo de todos os grupos menos o PSOE, que se abstivo, e outra para instar ao goberno local a levar a cabo unha campaña sobre a poboación de gaivotas, que non saíu adiante.
Así mesmo, aprobouse coa oposición do PP a moción sobre a LGTBIfobia, para instar á Xunta a cumplir o artigo 8 da Lei 2/2014 do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación do colectivo e a incrementar nos vindeiros orzamentos a partida destinada ás políticas LGTBI, dotándoas dunha partida propia.
Fóra da orde do día aprobouse por unanimidade a moción do BNG solicitando que se faga pública a web creada polo equipo redactor do Plan Director da Solaina para difundir o citado proxecto.