O pleno municipal aprobou por unanimidade a moción presentada polo Goberno municipal para demandar á Xunta de Galicia que subsane urxentemente os erros administrativos do proxecto da vía Ártabra e que proceda a contratar novamente as obras e os proxectos para continuar a vía Ártabra tanto ata a AP-9 como ata a A-6.
O Goberno galego estaba a realizar a conexión da Ártabra desde a N-VI ata AP-9, na Gándara, pero foi paralizada por sentencia xudicial debido a erros administrativos na contratación. Esta situación provoca un forte retraso na execución de tan importante infraestrutura pública comarcal e un importante encarecemento das obras, o que supón un grave prexuízo que atenta contra o interese xeral da comarca e o erario público.
A irresponsabilidade do Concello de Cambre, que se opón aos proxectos contratados polos intereses particulares dun afectado polo ramal de conexión coa AP-9 na Gándara, pretende que se inicie un novo proxecto para a vía Ártabra e que se anulen os aprobados pola Xunta de Galicia, o que ocasionaría unha demora de outros vinte anos na creación de tan necesario vial para a comarca da Coruña.