A U.D. Carral, o C.F. Visantoña e a Cauca de Carral, disputaron un triangular amigable
O sábado 22 de agosto, dende as 12.00 da mañá no campo municipal de fútbol “Borja Rodríguez Ans”, acolleu o acto homenaxe ao futbolista carralés co mesmo nome, falecido nun centro comercial coruñés en decembro de 2011 aos 24 anos de idade.
Este rapaz, moi querido por todo o mundo futbolístico, comezou a súa carreira deportiva nas escolas municipais aos 7 anos, pasando despois por varios equipos de toda a bisbarra (Ural FC, a U.D.Carral, a Cauca de Carral e o C.F. Visantoña). Sempre estivo vinculado na vida deportiva do municipio e participou activamente no ámbito deportivo e social de todos os equipos nos que competiu.
A homenaxe comezou sobre as 12.00 h cando o alcalde, José Luís Fernández Mouriño dirixiu unhas palabras aos presentes e moi especialmente á familia de Borja, tamén presente no acto. Interveu despois o deputado provincial, D. José García Liñares, que tamén tivo palabras para a familia e a importancia do deporte na xuventude. Foi despois a nai de Borja a que, cunhas emotivas palabras, agradeceu a todos os compañeiros e amigos alí presentes a mostra de cariño. A continuación descubriuse a placa que dá nome á instalación como “Campo municipal de fútbol Borja Rodríguez Ans”, e entregouse á familia unha réplica desta así como as camisetas de Borja de cada un dos seus equipos. Para rematar disputouse un triangular amigable entre os compañeiros de Borjana UD Carral, a Cauca e o C.F. Visantoña.
Ademais neste acto inauguráronse tamén as novas instalacións e servizos cos que contará a partir de agora o campo de fútbol. As novas melloras constan dun sistema de iluminación e peche perimetral, cuxo custo ascendeu a 112.862,17 €, e uns novos vestiarios cun valor de 117.164,01 €. Ambas as dúas obras foron sufragadas integramente pola Deputación en razón a un convenio asinado entre o ente provincial e o Concello de Carral. A iluminación consta de 4 torres con 2 focos de 2000 W cada un, mentres que os vestiarios se compoñen de 5 dependencias (incluíndo a do corpo arbitral) perfectamente acondicionadas.