• Preguntan pola utilidade do investimento estando ocultos.
• Acusan á concelleira do PSOE de mentir sobre o asunto no pleno ordinario de comezos de mes.
Os totem, uns dispositivos metálicos verticais instalados na estrada nacional N-547 ás entradas da vila, vinilados coa indicación Arzúa, e acompañada doutros lemas e logos institucionais (Concello, Xunta), levan ocultos por plástico negro dende o día posterior á súa instalación, na primeira quincena de novembro de 2021.
Tras haber solicitado e preguntado o Partido Popular municipal por esta cuestión en repetidas ocasións ao goberno municipal, finalmente o goberno local de AxA-PSOE, de boca da concelleira de obras, Begoña Balado, do PSOE, asegurou no pleno ordinario de 5 de maio que na semana seguinte serían destapados.
Habendo transcorrido hoxe tres semanas dende aquel pleno, e dado que os totem están aínda ocultos, dende o grupo municipal do Partido Popular, vimos de rexistrar unha nova petición formal ao alcalde, José Luis García, para que solucione esta insólita situación.
O voceiro popular, Rafael Rivadulla, afirma que “a cuestión é do máis insólita”, pois “o custo dos totem ascendeu a 6.110,50 € que, polo que se ve, era un importe destinado á promoción do Xacobeo e de embelecemento do Camiño de Santiago, grazas a un convenio coa Axencia Galega de Turiso, que non está a cumprir o seu obxectivo porque o goberno local non se molesta en sacar o plástico que os oculta”.
Sobre as razóns para estar ocultos, segundo Rivadulla, “son do máis esperpénticas, pois Balado explicou en pleno que o motivo era que o totem na entrada dende Teiraboa estaba a pouca distancia do sinal de Arzúa e de velocidade, superposta, e que estaban á espera, dende novembro, que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana separase ditos sinais para mellor visualización do totem”.
Para os populares a explicación non ten ningún sentido por ser o Concello quen instalou o totem a pouca distancia dos sinais xa existentes dende hai anos, responsabilidade do Ministerio, así como por non destapar igualmente os totem, dado que si un deles non se ve correctamente, cando menos estaría a cumprir en maior ou menor medida a súa función.
Trátase, segundo os grupo municipal popular, dun exemplo máis da torpeza na execución das obras do goberno local, así como da lentitude administrativa e executiva do mesmo.