Saturday 16 de November de 2024

A Laracha será este sábado saída e meta da 2ª Etapa da Volta Ciclista á Coruña


Na Avenida Doutor López Astray non se permitirá o aparcamento desde mañá pola tarde e permanecerá pechada á circulación nos momentos de paso da proba.

O Concello será protagonista na XIX edición da Volta Ciclista á provincia da Coruña. A proba, unha das citas máis importantes en categoría Elite-Sub23, comezará a disputarse mañá venres e constará de tres etapas. A segunda delas, a deste sábado, terá a saída e meta na capital municipal da Laracha.

A saída neutralizada está prevista para minutos antes das 13:00 horas na Avenida Doutor López Astray cara a Avenida Fisterra en dirección Lemaio. Tras un percorrido de 141 km pasando polos municipios de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Coristanco e Cerceda, regresarán ao punto de partida pola estrada de Soandres. A chegada está prevista entre as 16:21 e as 16:43 horas, pero dependerá da velocidade media da etapa.

Debido á celebración deste evento, o estacionamento de vehículos estará prohibido na Avenida Doutor López Astray desde as 18:00 horas de mañá venres e ata o remate da etapa o sábado pola tarde, circunstancia que estará sinalizada desde hoxe pola Policía Local. Ademais, esa mesma vía estará pechada á circulación o sábado desde antes da saída (12:45 horas) e da chegada (previsiblemente, en torno ás 16:00 horas), en ambos casos ata o paso do último ciclista e dos vehículos dos equipos e da organización. Así mesmo, durante a etapa haberá alteracións puntuais do tráfico ao longo de todo o percorrido ao paso do pelotón.

O Concello celebra poder acoller unha proba ciclista deste nivel agardando que sexa un aliciente para a promoción deste deporte na Laracha, do mesmo xeito que o foron os pasos polo noso termo municipal de etapas da Vuelta a España dos anos 2012 e 2014.