Friday 22 de November de 2024

O alcalde recibe en Madrid a Bandeira de Sendeiro de Saldoiro de Caión outorgada por ADEAC


O itinerario que recibe o galardón é o tramo do paseo marítimo entre a praza Eduardo Vila Fano e o arroio Figueirido.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, recolleron hoxe a Bandeira Sendeiro Azul para o Sendeiro de Saldoiro. Este distintivo é outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) para recoñecer o papel das sendas e camiños de acceso ás praias como valiosos recursos para a interpretación ambiental, o desfrute da natureza e a realización de actividades deportivas e de ocio ao aire libre.

O acto desenvolveuse no Real Jardín Botánico de Madrid. En representación da Xunta de Galicia, contouse coa presenza de Belén do Campo, a directora xeral de Patrimonio Cultural, así como de alcaldes doutros municipios galegos galardoados.

O Sendeiro de Saldoiro, no que ondeará a Bandeira Sendeiro Azul este verán, obtén o recoñecemento por noveno ano consecutivo. É o tramo do paseo marítimo de Caión de 1,5 quilómetros de distancia que vai desde a praza Eduardo Vila Fano ata o arroio Figueirido.

En toda España hai 86 Sendeiros Azuis, dos cales 29 son itinerarios galegos pertencentes a 19 concellos diferentes, seis deles na provincia da Coruña.

Ademais deste recoñecemento, Adeac tamén outorgou ao Concello da Laracha a Bandeira Azul para a praia de Caión e o distintivo de Centro Azul para o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar.