Friday 22 de November de 2024

Comeza o pintado de novas obras de arte urbana en Oleiros


Atópase en marcha o pintado de dúas novas obras artísticas para embelecer os espazos públicos do municipio. A muralista Lula Goce está a crear un mural sobre o solo da praza da Rabadeira e Joseba Muruzábal iniciou o pintado das fachadas medianeiras dun edificio da rúa Miraflores.

Estas actuacións teñen unha vocación de permanencia no tempo e contribúen ao labor de ornato e saneamento das edificacións. Co embelecemento das paredes e dos solos créanse espazos públicos máis agradables para a convivencia e o lecer; poténciase a arte urbana e promóvese a artistas galegos dedicados ao muralismo.

O Concello tamén pretendía pintar un mural no muro do cemiterio da igrexa parroquial de San Martiño de Dorneda pero a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural impediuno. Patrimonio prefire as vistas que reflicten a deterioración do muro á intervención proposta e financiada polo Concello.