O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, e voceiro do Goberno local, puxo en valor o compromiso do Concello para que “a cidade sexa un porto de refuxio para persoas que foxen dos seus países”
O VI Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio terá lugar nos xardíns de Méndez Núñez entre os días 9 e 11 de xuño
José Manuel Lage Tuñas, concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, e voceiro do Goberno local, asistiu hoxe, no Kiosco Alfonso, ao acto de presentación do VI Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio, que volverá aos xardíns de Méndez Núñez o vindeiro mes de xuño, entre os días 9 e 11.
O encontro, impulsado pola Rede Acampa, converterá un ano máis á Coruña nun referente para promover o debate social colectivo, unha iniciativa que conta, desde hai anos, co apoio do Concello. Lage Tuñas puxo en valor a proposta e amosou a Xosé Abad, coordinador da Rede Acampa, o agradecemento do Goberno municipal “pola importante labor que realiza para poñer cara á grave situación que viven miles de persoas que foxen dos seus países. É unha honra que a Rede Acampa volva escoller á Coruña como espazo para dar voz aos problemas de cidadáns de todo o planeta”.
Así, Lage Tuñas resaltou o compromiso do Concello “para erixir á nosa cidade nun porto de refuxio”, poñendo en valor a capacidade das Administracións locais para atender a unha problemática global, “traballando a prol da cooperación entre territorios e respondendo ao principal valor que nos define como sociedade: a solidariedade”.
O voceiro do Goberno local sinalou, ademais, a total disposición amosada polo Concello para axudar a persoas vítimas de conflitos bélicos, como no caso dos refuxiados ucraínos chegados á cidade nos últimos meses. “Fixémolo colaborando coa asociación AGA-Ucraína e tamén creando a Oficina Municipal do Pobo Ucraíno (OMAPU), que asesorou a máis de 60 familias xa no seu primeiro mes de apertura, en marzo.
Por outra banda, Lage Tuñas tamén destacou o traballo do equipo de profesionais da Unidade de Asesoramento ás Migracións (UAMI) posta en marcha polo Concello para prestar axuda á poboación migrante chegada á cidade. “Desde o comezo de mandato, atendeuse a un total de 2.972 persoas, prestando servizos de asesoramento laboral e xurídico, así como de orientación e apoio na tramitación de permisos de residencia ou axudas económicas”, sinalou hoxe.
Fotoxornalistas e activistas internacionais falarán das situacións causantes da fame no mundo
Entre os días 9 e 11 de xuño, os xardíns de Méndez Núñez serán o punto de encontro de ‘Fame e refuxio’, temática da presente edición do encontro Acampa, que achegará á cidadanía a fotoxornalistas, activistas, especialistas e organizacións para conversar e tratar, polo miúdo, a problemática da fame, unhas das principais causas que orixinan os desprazamentos masivos de persoas a escala global.
Entre os convidados estarán a ecofeminista hindú Vandana Shiva, a responsable de nutrición en Médicos Sen Fronteiras, Montse Escruela; a activista senegalesa Fátima Mbengue, o director de Amnistía Internacional, Esteban Beltrán; o corresponsal internacional Rafael Poch; a activista mexicana Diana Damián, ademais dos xornalistas Guillermo Fesser e Patricia Simón.
Ademais, os fotoxornalistas Lys Arango, Silvia Landi, Juan Carlos Tomasi, Ricard García Vilanova, Javier Teniente, Pablo Tosco, Rodrigo Zaím, Fred Ramos e Víctor Peña serán os protagonistas da exposición de fotografía urbana que acollerán os xardíns de Méndez Núñez entre os días 9 de xuño e 4 de xullo, centrada nos efectos da fame en múltiples puntos do planeta.
Por outra banda, no marco do VI Encontro Acampa, farase entrega dos II Recoñecementos Internacionais Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos, concedidos nesta edición ás oenegués Ca-minando Fronteiras (en categoría internacional), e a Ecodesarrollo Gaia (no ámbito local galego). Será o día 11 de xuño, ás 13.30 horas, no posto central que estará situado nos xardíns de Méndez Núñez