Friday 22 de November de 2024

Inés Rey: “Ecosystems supón unha oportunidade para consolidar a Coruña como referente de innovación tecnolóxica”


O Congreso de innovación tecnolóxica Ecosystems 2030 terá lugar a vindeira semana, os días 2-3 de xuño en Palexco

A alcaldesa avanza a vocación do Concello de que o evento volva a celebrarse na cidade en 2023

O venres día 3 farase un relatorio aberto á cidadanía e ao empresariado local, podendo asistir de forma presencial ou seguíndoo en “streaming”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu hoxe no Pazo Municipal de María Pita aos organizadores e patrocinadores do congreso de innovación tecnolóxica Ecosystems 2030 A Coruña Summit 2022, que terá lugar na Coruña a vindeira semana. Os días 2 e 3 de xuño, Palexco convertirase no espazo para as reflexións deste foro internacional que en palabras da alcaldesa suporá “unha grande oportunidade para consolidar á Coruña como referente de innovación científica e tecnolóxica”.

Como novidade, o congreso Ecosystems 2030 A Coruña Summit 2022 contará cunha sesión aberta á cidadanía e ao empresariado local, achegando o coñecemento profesional nacional e internacional a todos os coruñeses e coruñesas que o desexen. Unha idea que xorde do goberno municipal, co obxectivo de promover a interacción e participación do sector local no evento. Ao relatorio, que terá lugar o venres 3 de xuño de 16.00 h a 19.00 h en Palexco, poderase acceder de forma presencial ou vía “streaming”, a través das redes de Ecosystems 2030.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que a vocación do Concello para que Ecosystems 2030 volva ter sede na Coruña o próximo ano: “Da mesma forma que Davos pasou a darlle nome á reunión anual do Foro Económico Mundial, esperamos que A Coruña pase a darlle nome ao evento sobre innovación tecnolóxica máis relevante e influínte do mundo ”Rey subliñou que co seu apoio a este evento o goberno local continúa avanzando no seu dobre obxectivo: consolidar á cidade como un gran referente do turismo de congresos e negocios, así como no polo tecnolóxico do noroeste, con proxectos como a Cidade das TIC.

Entre os relatores confirmados no congreso Ecosystems 2030 A Coruña Summit 2022 están gobernantes como o ex primeiro ministro de Finlandia, así como altos executivos e directivos das compañías máis relevantes e influíntes do mundo: Google, Microsoft, IBM, Amazon, Mastercard, JP Morgan e Deloitte, entre outras. Inés Rey destacou tamén que “o Rey, Felipe VI, aceptou a invitación para ocupar a presidencia do Comité de Honra do Congreso, o que da conta da relevancia que Ecosystems2030 ten para o futuro do país”.

Na rolda de prensa interviron, ademais da alcaldesa; Omar Hatamleh, exdirector de Innovación da NASA, e presidente executivo do congreso Ecosystems 2030; Manel Cerqueda, presidente de MyInvestor e conselleiro de AndBank; Antonio Viejo, director de asuntos corporativos de Hijos de Rivera. Tamén estiveron presentes Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá; Moisés Naranjo, xerente do consorcio de Turismo da Coruña; Rafael Sánchez, director financiero de Trison Europe; Raúl Estradera, Director de comunicación de Inditex; Senén Ferreiro, Socio-director de Valora; Alicia Fernández, Valora; Jaime Pereira Gil, CEO de Aeocámaras e Carlos Lodeiro e Rubén Rey, de Andbank.